O libro ‘Viaxe sen retorno’ de Manuel Mandianes preséntase na Biblioteca de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá o xoves 09 de outubro, a partir das 19.30 horas, a presentación do libro ‘Viaxe sen retorno’, de Manuel Mandianes Castro.

“Un retrato da alma do emigrante, as súas ilusións e decepción, esperanzas e frustración e o seu imposible retorno ao país de orixe”. Así se define ‘Viaxe sen retorno’, un libro no que se aborda, como sempre dende unha visión antropolóxica, un dos temas centrais da historia de Galicia: a emigración. Nas 178 páxinas do libro, Manuel Mandianes presenta a información que recompilou durante máis de dez anos sobre a emigración e que ofrece unha visión persoal e sentimental desta. Un dos aspectos máis orixinais da obra é a inclusión de diálogos con emigrantes de diferentes nacionalidades, rexións e condicións que opinan sobre a súa experiencia persoal e o desarraigamento que padecen.

O libro, escrito no peculiar e intransferible estilo de Mandianes, aborda o mito da busca do paraíso e a terra de promisión, cunha análise do que el chama ‘paraísos rigorosamente vixiados’. Os grandes conceptos ligados ao movemento das poboacións, que sempre existiron, como a perda da identidade, o recordo da patria botada de menos, a soidade ou o desarraigamento lingüístico aparecen fielmente retratados e analizados neste libro excelente. Trátase dun libro que describe unha das características do ser humano, a mobilidade, con todos os detalles que fan hoxe da busca dun futuro mellor lonxe do lugar de nacemento unha tarefa verdadeiramente heroica, non poucas veces golpeada pola inxustiza manifesta.

Manuel Mandianes é doutor en Etnografía e Antropoloxía, en Ciencias Sociais e Socioloxía, e en Teoloxía. Científico titular do CSIC, dirixiu o Instituto de Estudios Sociales Avanzados (IESA) en Barcelona (1996-1999). Realizou traballos de investigación sobre temas antropolóxicos de Galicia. Publicou diversos capítulos en obras colectiva e artigos en revistas como Grial, Boletín Auriense e El Museo de Pontevedra, ademais de ser colaborador do programa Luar da TVG e columnista no xornal El Mundo.

1 de outubro de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.