O ISSGA organiza en Vigo un curso de prevención de riscos laborais en buques de pesca
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organiza esta semana unha actividade sobre prevención de riscos laborais en buques de pesca, que conta cunha parte práctica no porto de Vigo. Encádrase dentro do ‘Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014’ e do ‘Plan anual de actividades do ISSGA’, e forma parte da oferta formativa deste organismo para o ano 2014.
O ‘II Curso do ISSGA para técnicos en prevención de riscos laborais para actuacións en buques de pesca’ está deseñado para persoal técnico dos Institutos de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT).
Na xornada de hoxe, o curso desenvolverase nas instalacións do centro ISSGA de Pontevedra. José Antonio Rodríguez Arribe, membro do grupo de traballo dos Institutos de Seguridade e Saúde Laboral do Cantábrico Noroeste, falará sobre as organizacións da pesca, tecnoloxía naval, e buques e artes de pesca.
Doutra banda, Diego Castro Balboa, técnico do centro ISSGA de Pontevedra e coordinador de actuacións do sector pesca deste organismo, realizará presentacións sobre a evolución da prevención de riscos laborais no sector da pesca e os programas desenvolvidos polo ISSGA, a lexislación marítima e de prevención de riscos laborais na pesca, e seguridade marítima para as tripulacións.
Na xornada de mañá, o curso trasladarase ás instalacións do Porto de Vigo, onde se realizará unha visita á lonxa de altura de Vigo e unha visita técnica a un buque de pesca, onde terá lugar a parte práctica do curso. Para estas visitas o ISSGA conta coa colaboración do Porto de Vigo e da Asociación de Armadores de Vigo (ARVI). Así mesmo, este mesmo día José Antonio Rodríguez Arribe fará unha intervención sobre a avaliación de riscos laborais nun buque de pesca, e Diego Castro Balboa fará o propio sobre equipos de traballo a bordo de buques de pesca.











