O goberno de Monforte considera que os orzamentos da Xunta para 2015 non achegan novidades inversoras na localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2015 resultan decepcionantes para Monforte, xa que non rexistran ningunha inversión que non fose coñecida dende hai anos.

As contas do Goberno Galego só recollen tres actuacións que afectan ó noso Concello, dúas delas xa coñecidas e unha terceira con mínima inversión.

Por unha banda, prevén o investimento de 18,8 millóns de euros na vía de altas prestacións Sarria-Monforte, unha infraestrutura que afecta a varios concellos e que acumula tres anos de retraso na súa execución. Trátase dun anuncio de investimento que se repite nos orzamentos autonómicos dos últimos anos.

Por outra banda, os presupostos contemplan destinar 3,2 millóns de euros para o enlace do porto seco ata a parcela de Repsol-Butano, unha actuación da que tamén se fala dende hai anos.

A única inversión novidosa destes orzamentos, cunha contía de 27.000 euros, é a destinada a reformas no Centro de Formación Agroforestal.

Diante destes orzamentos, e vendo como concellos de moita menor entidade contarán con partidas para novas infraestruturas, lamentamos a falta de compromiso con Monforte da Xunta do PP.

Dende o Concello instamos a Julia Rodríguez, voceira do PP na Corporación Municipal e deputada no Parlamento Galego, a que procure unha maior colaboración da Xunta con Monforte en investimentos relacionados coa conservación da muralla, coa mellora de rúas como Sto. Domingo, Sta. Clara, e rúa Real (subida ó Parador), ou coa construción dunha nova depuradora de augas residuais. Todas elas actuacións de gran importancia para a cidade e que precisan da implicación do Goberno Galego para realizalas.

Lamentablemente, as noticias que recollen os orzamentos da Xunta para Monforte xa son vellas e xa as coñecíamos o ano pasado.

Despois da absoluta marxinación de Monforte nos orzamentos do Estado, agora é outro goberno do Partido Popular, o do Sr. Feijóo, o que ignora as necesidades deste Concello e se limita a repetir investimentos de pasados orzamentos para cubrir o expediente con Monforte.

23 de outubro de 2014 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.