O Foro Climatlantic pon en valor o uso das novas tecnoloxías na pesca e na acuicultura para reducir os gases de efecto invernadoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, Isabel Concheiro, participou esta mañá en Ourense na inauguración do Foro Climatlantic, que ten como obxectivo identificar medidas e solucións no ámbito da enerxía, a sustentabilidade e o transporte, dirixidos a fomentar medidas de adaptación ao cambio climático e redución da pegada de carbono a escala local.

Durante a súa intervención, a secretaria xeral fixo fincapé na importancia da aplicación das innovacións tecnolóxicas no sector pesqueiro e acuícola e da implantación de servizos de distribución máis eficientes no sector transformador para reducir o consumo de enerxía e as emisións de gases de efecto invernadoiro nestas actividades. Neste sentido, destacou que foros coma este son fundamentais para coñecer e deseñar posibles instrumentos e estratexias que conduzan a redución da pegada de carbono.

Ademais Isabel Concheiro destacou a preocupación da Xunta e en particular do Instituto Tecnolóxico de Medio Mariño de Galicia (Intecmar) ante o cambio climático e salientou que este centro controla as condicións oceanográficas a través de 58 estacións de mostraxe, das que 42 son oceánicas e 16 costeiras, repartidas ao longo de todo o litoral galego. Estes disposivos, explicou a secretaria xeral, permiten coñecer semanalmente as variables físico-químicas das augas, a temperatura, salinidade e outras condicións para adoptar decisións clave cada a actividade extractiva.

Tamén sinalou que o Intecmar xunto a outras entidades de España e Portugal, traballa na instalación e mantemento dunha infraestrutura transfronteriza de observación do océano na súa franxa ibérica. Tratase dunha rede de estacións océano-meteorolóxicas para as medicións en tempo real de variables oceanográficas como correntes, salinidade, temperatura das augas, humidade e velocidade dos ventos, entre outras variables.

O foro

O foro Climatlantic contará coa presenza dos responsables da Estratexia Marítima Atlántica en España e Portugal, así como representantes da Comisión Europea, a Autoridade de Xestión do programa Interreg Espacio Atlántico e o Secretariado Conxunto deste programa. Tamén contará con representación dos principais sectores vinculados á actividade marítima.

1 de outubro de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.