O Eixo Atlántico valora positivamente o traballo de Ourense como Capital da Cultura
O pasado martes reuniuse a comisión delegada de Cultura do Eixo Atlántico na cidade portuguesa de Paredes. Na reunión abordouse por un lado a valoración sobre a capitalidade cultural do Eixo Atlántico neste 2014, que lle correspondeu a Ourense, e por outro sentáronse as bases para a presentación de candidaturas para os anos 2016 e 2018.
A esta xuntanza asistiron técnicos da concellería de Cultura do Concello de Ourense que presentaron a memoria correspondente ás actividades levadas a cabo na cidade durante estes meses como Capital da Cultura. Entre as conclusións extraídas da reunión está o recoñecemento a ampla programación presentada malia as limitacións orzamentarias existentes. Este esforzo, coa implicación do Concello desde o primeiro momento, contribuíu positivamente no resultado final. Outra cuestión a salientar foi a incorporación de novos enfoques á proposta de Capital da Cultura, destacando a divulgación en Ourense de todas as cidades que conforman a Eurorrexión e que se materializou na Exposición das cidades.
Tamén se fixo a petición á cidade de Ourense para formar parte da Comisión executiva para dalgún modo titorizar a vindeira proposta de Capital Cultural. En liñas xerais, a valoración foi altamente positiva, sobre todo á hora de acreditar na potencialidade da capitalidade cultural para crear sinerxias, reforzar a identidade cultural e potenciar o intercambio de propostas culturais.











