O documental “Mil sorrisos & un perdón” estrearase no marco do 19OUFF
O Festival de Cine Internacional de Ourense na súa decimonovena edición, ademais de acoller a estrea mundial deA Esmorga, proxectará por primeira vez o documental Mil sorrisos & un perdón, do realizador ourensán Bruno Nieto.
A historia xira en torno a Daniel, un rapaz ao que dez anos atrás a vida lle deu un duro revés. Un home, que deu positivo en alcol e que conducía polo carril contrario, levouno por diante cando ía camiño a súa casa. Dani perdeu unha perna, pero non as ganas de vivir e de ser feliz. Agora, dez anos despois, Dani está disposto a perdoar á persoa que cambiou a súa vida.
Outras proxeccións
A Esmorga e Mil sorrisos & un perdón non serán as únicas pezas audiovisuais ligadas a Ourense que deixarán a súa pegada este ano no festival. Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (2014), con Luis Baños como director, volverá ás pantallas da cidade cos seus toques humorísticos, esotéricos e máxicos nesta adaptación do conto de Vicente Risco.
Actividades representativas dos hábitos dos ourensáns e do seu xeito de vivir a cidade tamén terán cabida no 19OUFF. Faráno con Caixa Ourense: historia dun ascenso (2014), no que baixo a dirección de Carlos Bermello Arce, se rende homenaxe a todos aqueles xogadores, técnicos, directivos e seareiros que fixeron posible o ascenso do Caixa Ourense á liga ACB hai 25 anos, e con Sons do Entroido (2014), un proxecto documental do antropólogo e fotógrafo Miguel Ángel López no que aborda esta festa dende a perspectiva da súa diversidade sonora.
Ademais das obras audiovisuais ligadas á cidade xa citadas, tamén se proxectarán ¿Y tú qué opinas? (2014) e Eco113 (2014), ambas de Marcos Fernández Vázquez, Lo que pasa al encenderse (2014), de Roberto de la Torre, O Demais (2014), de Manuel I. Nanin e Marta F. Alberte e A música medieval en Galicia, o tesouro esquecido (2014), de Fernando Reyes.











