O devir cotián das nosas vidas plásmase en fotografías en Monforte
A exposición “Unha mirada subxectiva do cotián” do fotógrafo Alberte A. Pereira, poderá verse na Casa da Cultura de Monforte dende o 3 ó 14 de novembro. A exposición está organizada pola delegación de Cultura e forma parte das actividades do Outono Fotográfico 2014.
Esta nova exposición dalle o relevo á das obras finalistas da X Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, 24 pinturas orixinais e realizadas con diferentes técnicas que aínda podemos visitar na Casa da Cultura ata o mércores 29 de outubro.
Alberte A. Pereira é un fotógrafo independente e autodidacta. Os seus primeiros contactos coa fotografía foron nos anos 80 cunha cámara analóxica, pero a súa verdadeira implicación prodúcese no ano 2012 cunha cámara réflex dixital.
Apaixonado da fotografía en branco e negro, as imaxes de rúa son as súas predilectas e as que poderemos ollar nesta exposición. Na actualidade, Alberte participa coa obra “Cyclist” na 1ª Exposición Colectiva Galiza B/N, que percorre todo o territorio galego e o norte de Portugal.
As rúas das nosas aldeas, vilas e cidades, son fotografadas como escenarios do teatro da vida onde as persoas escenifican múltiples actos que pasan desapercibidos, pero que se nos paramos a observar son dignos de plasmar e documentar.
Eses instantes son diferentes. A vida non leva o mesmo ritmo nunha aldea ou vila ca nunha cidade. As fotografías desta exposición foron tomadas en viaxes e paseos, captando momentos únicos, situacións normais ou curiosas que pertencen a xentes de vilas e cidades de Galiza, Portugal, España, República Checa, Alemaña e Hungría.
A exposición consta dunhas 30 fotografías de diferentes tamaños impresas en papel fotográfico de alta calidade.











