O cruceiro máis grande do mundo despídese de Europa desde o porto de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Aínda que a súa chegada ao Porto de Vigo estaba prevista ás 08.00 horas de hoxe sábado, o Oasis of the Seas foi especialmente madrugador e atracou na Estación Marítima ás 07.30h.

A súa chegada a Vigo prodúcese tras unha parada de quince días no estaleiro holandés de Keppel Verolme (Róterdan), onde entrou o pasado 30 de setembro -procedente precisamente do Porto de Vigo- para someterse a diversas operacións de mantemento.

Tras a súa escala en Southampton (Gran Bretaña), o cruceiro máis grande do mundo, que se despide de Europa desde o Porto de Vigo, permanecerá atracado na dársena viguesa até as 20.00 horas de hoxe, momento no que dirá adeus ao seu periplo europeo para pór rumbo a Port Evergaldes, en Estados Unidos, desde onde volverá operar as paradisíacas rutas caribeñas.

Pero antes da súa partida, permanecerá atracado en Vigo -un dos poucos portos españois que tiveron o privilexio de recibir a este coloso do mar até en dúas ocasións-, durante algo máis de doce horas para o deleite de vigueses e turistas chegados desde distintas zonas da xeografía.

Con motivo da despedida do considerado cruceiro máis grande do mundo xunto ao seu xemelgo, o Allure of the Seas, o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, quixo visitar de novo o buque da Royal Caribbean, acompañado pola Vicepresidenta do Porto de Lisboa, Andreia Ventura, con quen a institución olívica mantén unha estreita relación en materia de cruceiros.

Fronte común

Segundo explicou á prensa o máximo responsable portuario vigués, ambos os portos traballan co fin de establecer acordos de colaboración puntuais en materia de cruceiros. De feito, tanto Vigo como Lisboa manteñen unha gran relación neste sector, ao formar parte da Asociación Cruise Europe, que agrupa a case un centenar de portos do Norte e Oeste europeos, promovendo os intereses comúns dos portos asociados e representando ao sector ante as organizacións europeas e internacionais, e ao proxecto de mercadotecnia Atlantic Alliance.

Esta visita da delegación lusa é a resposta á realizada por responsables da Autoridade Portuaria de Vigo ao Porto de Lisboa, durante a cal ambas as institucións decidiron establecer vínculos de colaboración e iniciar contactos de cara á posible cooperación entre ambas as terminais en materia crucerística.

Hoxe, esa aspiración é xa unha realidade e ambas as institucións apostan por crear unha fronte común co obxectivo de situarse como portos de referencia na escala de grandes cruceiros na costa atlántica europea.

Tras visitar o Oasis of the Seas, a delegación do Porto de Lisboa compartiu co resto de vigueses e turistas o programa de actividades previsto para esta xornada, na que a música e o baile tradicional galego foron, unha vez máis, os protagonistas.

Así, os que se achegaron para ver de preto a este xigante do mar puideron gozar das actuacións dos grupos Tremidaño -pola mañá- e Ledicia -pola tarde-, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra e ao Padroado de Turismo Rías Baixas que, unha vez máis, apostaron por dar a benvida ao cruceiro máis grande do mundo.

Referente internacional

Segundo subliñou o Presidente portuario, a escala do Oasis of the Seas reforza a condición de Vigo como referente a nivel internacional no tráfico de cruceiros, grazas á posición privilexiada da terminal olívica na costa atlántica continental, con Vigo e Róterdan como únicos portos de escala deste xigante do mar.

Neste sentido, destacou o traballo de promoción conxunto levado a cabo pola Autoridade Portuaria viguesa nos últimos anos xunto coa Comunidade Portuaria, que situou ao Porto de Vigo a nivel internacional, ofrecendo boas expectativas para a dársena olívica á hora de continuar atraendo grandes buques a Vigo.

Sobre esta segunda escala no Porto vigués do Oasis of the Seas, López-Chaves confesou que “como vigués que naceu e medrou á beira do mar, é un orgullo que un barco destas características nos visite até en dúas ocasións”.

Con 362 metros de eslora e 64 de manga, o Oasis of the Seas deixou en Vigo máis de 7.000 persoas, entre pasaxe e tripulación, na súa maioría americanos. A súa chegada ao Porto de Vigo transcorreu con total normalidade, do mesmo xeito que a súa operativa de atracada, grazas ás características da Ría de Vigo, con máis de 14.000 hectáreas de augas abrigadas e a unha colaboración moi estreita entre o Porto de Vigo e o consignatario.

A chegada a Europa do Oasis of the Seas foi toda unha novidade non só para España, senón tamén para todo o continente europeo. A súa acollida foi un éxito. Só no caso de Vigo, a dobre escala do cruceiro máis grande do mundo supuxo a chegada duns 14.000 visitantes (entre pasaxeiros e tripulación) e unha repercusión na economía local próxima ao millón de euros, de acordo co estudo realizado pola Universidade de Vigo sobre o impacto da actividade crucerística na cidade.

18 de outubro de 2014 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.