O concurso de acredores de Proínsa entra na fase de convenio
O concurso de acredores no que se atopa inmerso a firma Proínsa a nivel nacional vén de superar un novo trámite ao entrar na fase de convenio para tratar de que empresa e acredores cheguen a acordo para saldar as débedas. O Concello de Vilagarcía, é un dos acredores recoñecidos polo Xulgado Mercantil número 4 de Madrid que tramita o concurso, polas débedas contraidas por Proínsa pola concesión do Parking Xoán XXIII. O Concello foi convocado á xunta de acredores que se celebrará no mes de decembro en Madrid.
Rematada a fase común na que se abriu prazo para que todos os acredores de Proínsa se identificasen como tal e presentaran a documentación acreditativa, o Xulgado recoñeceu unha débeda de 59.294 euros co Concello de Vilagarcía, unha cantidade insignificante se se ten en conta o débeda total que a autoridade xudicial atribúe a Proínsa en toda España e que supera os 220 millóns de euros. Entre os acredores atópanse administracións locais, provinciais, organismos oficiais, como a Axencia Tributaria ou a Seguridade Social, entidades bancarias e crediticias e numerosas empresas privadas de todo o territorio nacional.
A fase de convenio que agora se abre ten como obxectivo abrir unha negociación entre debedor e acredores a efectos de dar por saldadas as débedas. Esta etapa comeza oficialmente o 19 de decembro, data na que o Xulgado convocou á xunt5a de acredores a u7nha xuntanza a celebrar en Madrid e na que se persoará o Concello de Vilagarcía.
O concurso de acredores de Proínsa iniciouse no ano 2010 e despois de que a firma arrastrase numerosos problemas económicos que, no caso de Vilagarcía derivaron no impago do canon pola concesión municipal pola que a empresa se fixo coa xestión e explotación do párking de Xoán XXIII. Esta situación derivou tamén en numerosos problemas na prestación do servizo coa redución de horarios e persoal que motivaron numerosas queixas dos usuarios.
Os numerosos requirimentos realizados dende a administración local para solucionar estas deficiencias no servizo foron atendidos parcialmente, pero o Concello non puido adoptar outras medidas máis contundentes, como iniciar o expediente de recuperación da concesión, polas débedas que arrastra a mesma en canto ao financiamento da obra como porque Proinsa entrou en concurso de acredores e toda decisión queda pendente da resolución xudicial definitiva.
O goberno local confía que o proceso que xa suma catro anos avance e poida resolverse coa maior brevidade posible a efectos de cobrar o que Proínsa adeuda e tamén para garantir o correcto funcionamento do párking público situado en pleno centro da cidade.











