O Concello instala caixas de suxestións para mellorar os servizos municipais en San Sadurniño
O II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes recolle o compromiso municipal de establecer canles de comunicación para recoller información sobre o grao de satisfacción das persoas usuarias cos servizos e instalacións municipais. No documento tamén se establece a necesidade de habilitar vías para achegar calquera suxestión de mellora ou as opinións da cidadanía ao respecto do seu Concello. Para darlle resposta a este compromiso puxéronse caixas de suxestións e enquisas de satisfacción anónimas, situadas na Casa do Concello, no ximnasio e na Casa da Cultura. Ademais, ao ser anónimas as enquisas tamén se poden enviar ao enderezo concellodesansadurnino@gmail.com, mentres que as suxestións poden mandarse a correo@sansadurnino.dicoruna.es ou presentarse a través da sede electrónica.
Os lugares exactos onde están colocadas as caixas son a sala de exposicións da Casa da Cultura, a recepción do ximnasio municipal e nun dos laterais da oficina do rexistro, na casa consistorial. Canda elas hai á disposición do público modelos de enquisa e suxestión. As enquisas son anónimas e contan con varios ítems para avaliar tanto servizos como actividades e programas desenvolvidos polo Concello.
A folla de suxestións pode ir asinada ou non, e con ela búscanse ideas concretas para mellorar o funcionamento dos distintos departamentos.
Non é necesario cubrir as enquisas e follas de suxestións e botalas inmediatamente na caixa. É máis, aconséllase levalas para a casa e cubrilas con tranquilidade para depositalas noutro momento ou envialas escaneadas por correo electrónico. Nin sequera faría falla acudir ao Concello para coller os papeis, xa que os modelos están dispoñibles nas ligazóns do pé desta nova e tamén a través da sede electrónica.
Desde o departamento de Participación veciñal destácase a importancia de achegar propostas e de cubrir as enquisas. A opinión dos usuarios e usuarias é importante para mellorar os servizos e programas municipais e, sobre todo, a atención que lle presta o Concello á cidadanía.
Horario de atención en Cultura e Deportes
Os departamentos de Cultura e Deportes acaban de establecer un horario fixo de atención ao público na oficina da Casa da Cultura debido, precisamente, a varias suxestións xurdidas no seo das escolas municipais. Desta maneira búscase que as persoas usuarias saiban cando van ter garantida a atención para calquera consulta ou xestión, como poden ser a inscrición ou o pagamento das actividades.
Os horarios fixados son:
Luns e venres de 8.30 a 11 h..
Mércores de 8.30 a 11 h. e entre as 12 e as 15 h.











