O Concello de Teo organiza unha mesa redonda sobre a memoria do San Martiño
Como era o San Martiño hai décadas? A feira cabalar do 11 de novembro en Francos é unha festa viva e por eso vai mudando. Pero na memoria dos maiores está aínda moi presente a feira que viviron de nenos e nenas, eses recordos que quedan fixados para sempre. E para sempre quere deixalos recollidos o Concello de Teo.
Este domingo 9 de novembro comeza as actividades do San Martiño 2014 cunha mesa redonda na que participarán veciños/as maiores da zona para contar como era a feira nos anos trinta e corenta. Ignacio Iglesias, concelleiro de Participación Veciñal, explica que estas intervencións “vanse recoller en formato audiovisual coa intención de que queden rexistradas no arquivo municipal e coa idea de editar unha pequena publicación para o próximo ano”. Nos últimos anos xa se teñen realizado outras charlas sobre a historia da feira cabalar teense, unha das máis antigas de Galicia. A mesa redonda deste ano celebrarase na escola de Francos o 9 de novembro a partir das 18:00 horas.
Ese mesmo día organízase un roteiro polo entorno da carballeira. A saída será ás 11:00 horas dende a zona do cruceiro e non é preciso anotarse previamente. Dende Francos o grupo irá cara Vilar, os montes de Bascuas e o túnel do Faramello. A duración aproximada da andaina é de dúas horas e a dificultade do percorrido é baixa.
Nesta mesma xornada tamén estarán pola carballeira as Fillas Bravas de Chévere. Estas tres mulleres presentan o seu espectáculo ás 17:00 horas na escola de Francos, xusto antes da mesa redonda e a entrada é de balde.
E durante toda a fin de semana haberá degustación de carne de poldro nos dous restaurantes máis próximos á carballeira, o San Martiño e o Carboeiro. Esta é unha das novidades do programa deste ano co que se implicaron os restauradores de zona.
Na víspera da feira, o 10 de novembro haberá dúas actuacións programadas polo Concello de Teo na carballeira. Ás 20:00 horas actuará a charanga da SR de Calo e a partir das 22:00 horas o grupo de percusión Fondaos do pífaro.
Na xornada do 11 de novembro, o día da feira cabalar, haberá unha exposición de razas de gando autóctonas ademais de feira de artesáns e produtos ecolóxicos, como se vén celebrando en anos anteriores.
O 16 de novembro organízase a I Carreira de Montaña San Martiño a través da Asociación Monte Bravo. A información e inscrición xa se pode realizar no seguinte enderezo electrónico: http://carreirateo.galitiming.com/











