O Concello de Teo mostra a súa preocupación polo retraso nas liñas de promoción do emprego da Xunta e na tramitaicón da Risga
Os Departamentos de Benestar e Emprego do Concello de Teo están preocupados polos retrasos que están comprobando na tramitación das axudas presentadas diante da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Esta inquietude fai que o alcalde de Teo, Martiño Noriega, se dirixa por carta á Beatriz Mato o 6 de outubro solicitando unha xuntanza para abordar unha situación que afecta “aos colectivos máis vulnerables da nosa sociedade”.
Polo momento a conselleira “parece máis preocupada doutros problemas da Consellería que en axilizar a xestión das axudas directas ás persoas” explica o rexedor. O Concello de Teo solicitou este ano dúas subvencións para o fomento do emprego coas que se busca a contratación de persoas en paro, e nun dos casos beneficiarios/as da Renda de integración social de Galicia (RISGA). As solicitudes tramitáronse no verán e chegando ao mes de novembro aínda non se notificou a súa resolución. A maiores, dende o Departamento de Benestar municipal, tense detectado un retraso importante na tramitación precisamente da RISGA, con expedientes sen resolver durante dez meses.
Segundo explicaba Noriega no seu escrito “a preocupación por este tema é máximo, xa que falamos de programas que polas súas características afectan a persoas en desemprego e nalgúns casos en risco de exclusión social”. “Fronte á realidade que se vive na rúa o departamento de Benestar e Traballo da Xunta responde co silencio” incide o alcalde de Teo.
Dende o Concello de Teo agárdase “unha resposta áxil por parte da Xunta que non sexa ampararse na lentitude da tramitación administrativa” indica o rexedor. Nos últimos anos ademais vense rexistrando un descenso dos fondos autonómicos para os programas de cooperación, con menos cartos e recortes na duración dos contratos e mesmo da xornada. Así se no 2011 se concederon algo máis de 90.000 euros ao Concello de Teo o ano pasado a subvención non chegou aos 25.000 euros.











