O Concello de Pontevedra investiu na parroquia de Lourizán máis de 875.000 euros no último ano
O alcalde e o concelleiro delegado da parroquia de Lourizán, Demetrio Gómez visitan esta tarde distintos lugares da parroquia na que o Concello desenvolveu melloras -de maior ou menor envergadura-, pero todas elas moi demandadas polos veciños. A rehabilitación integral da estrada do Regueiriño, a mellora do cemiterio municipal da parroquia, a rehabilitación do barrio dos Cunchidos ou os traballos que se acometen na estrada de Marín e na praza de Valterra, son algunhas das visitas desta tarde.
Neste último ano o Concello investiu máis de 875.000 euros na parroquia de Lourizán nos distintos proxectos acometidos. Todos eles priorizados no Consello parroquial de Lourizán, foran máis ou menos custosos, pero todos eles importantes para os veciños.
Ás 18.00 horas o alcalde coñecerá in situ as melloras que se realizaron no cemiterio municipal de Lourizán. Cun investimento de 17.000 euros resolvéronse os problemas de accesibilidade e de recollida de augas pluviais que presentaba o camposanto. Levantouse todo o pavimento da rúa do cemiterio que estaba en moi mal estado e con moitos desniveis; para equilibrando as cotas dos panteóns e a rúa, repoñer todo o pavimento e facer simultaneamente a canalización de augas pluviais. Tamén se instalou unha varanda de acero inoxidable.
Aínda que esta intervención foi de 17.000 euros. Estes sumáronse a outras pequenas actuacións que a Concellaría de Cemiterios que xestiona Carmen Fouces xa realizara no camposanto como o picado do firme doutra das rúas para evitar esvaramentos.
Saneamento de Meán
Tamén aproveitarán para ver a instalación do saneamento no lugar de Meán; o último núcleo de casas de Lourizán que quedaba por enganchar ao alcantarillado. O investimento superou os 170.000 euros. Esta obra permitiu resolver unha dobre problemática: a conexión ao saneamento público e resolver a canalización de augas pluvias do camposanto.
Coa instalación do saneamento en Meán, avanzouse moito na instalación da rede de alcantarillado da parroquia, sendo unha das máis completas do rural pontevedrés.
Estrada ao Regueiriño
Un dos investimentos máis importantes que o Concello realizou una parroquia de Lourizán é a mellora da estrada ao Regueiriño que debido ao seu elevado coste fíxose en dúas fases, cun montante de máis de 500.000 euros. E moi probablemente será necesario facer unha terceira fase.
O proxecto incluía o fresado de toda a estrada, reposición integral do firme, así como a canalización de todos os servizos, especialmente o das augas pluviais para que non discorreran pola estrada.
Outra das paradas da visita á parroquia de Lourizán será o lugar dos Cunchidos no que o Concello eliminou barreiras, mellorou a accesibilidade, pavimentos, canalizacións de pluviais, entre outros pequenos traballos que contribuiron a ennobrecer a estrema do Concello de Pontevedra con Marín, recuperando o carácter mariñeiro do barrio.
Para traballar nos Cunchidos fíxose un zafarrancho de limpeza, suavizáronse as pendentes e cambiouse o firme, instaláronse pasamáns, mellorouse canalización as augas pluviais que son de pedra para evitar que entraran nas vivendas, tratáronse os firmes e cambiáronse por pedra, e os traballos fixéronse en grande parte a man porque as rúas son moi estreitas. O investimento final nos Cunchidos foi de 45.000 euros.
Marqués de Valterra
A visita rematará na praza de Marqués de Valterra, na Casa da Cultura de Estribela, onde se derrubou recentemente a pasarela peonil sobre a estrada de Marín, e onde se están a realizar traballos de mellora de toda a praza coa instalación de pasos de peóns elevados, mellora das beirarrúas ou de toda a iluminación pública. O investimento final de todos estes traballos rondarán os 145.000 euros.
Na Casa da Cultura de Estribela o alcalde manterá un encontro coas asociacións da parroquia e darase a coñecer a último colectivo constituído de Estribela-Lourizán.











