O Concello de Mos axuda aos seus deportistas cuns 22.000 euros
O Concello de Mos congregou onte pola tarde ás directivas dos principais clubes deportivos do municipio así coma a unha das deportistas mosenses máis destacadas, Patricia Martínez, para facerlles entrega das axudas económicas que anualmente lles outorga a administración local.
En total repartíronse 22.100 euros en sete subvencións cuxos beneficiarios foron a xa mencionada bailarina Patricia Martínez, o Club de Fútbol Alerta de Sanguiñeda, a Unión Deportiva Mos, o Club Deportivo Louro-Tameiga, o Louredo Club de Fútbol, o Club de Natación Mos e as Escolas de Patinaxe de Mos.
No acto de entrega estiveron presentes, ademais dos deportistas e entidades deportivas pertinentes, varios representantes municipais entre os que se atopaban a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, Isidoro Táboas, e os edís mosenses Sara Cebreiro e Cándido Pérez.
A rexedora local destacou durante a entrega a implicación do Concello de Mos como promotor da práctica deportiva. “O deporte non só fomenta os hábitos de vida saúdables, senón tamén principios educacionais tales coma o traballo en equipo, o esforzo, o afán de superación, a competitividades sá e o compañeirismo entre rivais; valores tan necesarios e importantes na sociedade actual”, dixo Arévalo. Quen apuntou tamén a este respecto que no orzamento para 2015, recentemente aprobado en Pleno, “o equipo de goberno mosense faise eco das demandas dos veciños e veciñas de Mos primando no capítulo de gastos a prestación duns servizos deportivos de primeira, facendo especial fincapé no mantemento dos pavillóns e da Piscina Municipal, así como outras instacións deportivas”.
E é que no presuposto do vindeiro ano increméntase a partida adicada a Deportes para poder continuar a promover a actividade de clubes deportivos, tan importante para o enriquecemento da localidade. Faise un novo esforzo por manter a liña de axudas consignadas, así coma o incremento de outras e introducción de algunhas novas. Deste xeito fomentaranse as Escolas Deportivas e aumentarase a contía das subvencións a algúns deportistas, tanto en equipos como individuais, que están a despuntar na actualidade.
Por último o edil de Deportes, Isidoro Táboas, insistiu no apoio do Concello de Mos ó deporte base, “alicerce da actividade deportiva na localidade mosense e futuro da mesma”. “Se temos un deporte base forte, activo e de calidade o futuro deportivo de Mos será prometedor”, declarou Táboas.











