publicidade hoxe

O Concello de Cervo celebra o Samaín con obradoiros de máscaras, baile e un ciclo de cine

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo organiza para esta fin de semana unha serie de actividades de Samaín pensadas para o público infantil. Xa onte tivo lugar a primeira iniciativa coa festa de Samaín do PAI que se celebra todos os anos e á que acode o alumnado do Punto de Atención á Infancia. Nela os nenos e nenas participaron nunha merenda e en diversos xogos na Casa do Mar.

Mañá sábado será o momento da Festa Infantil de Samaín aberta a todos os nenos e nenas do concello, que se celebrará a partir das 18 h. na Casa do Mar. Nela haberá obradoiros de maquillaxe, de elaboración de máscaras, xogos e baile así como unha merenda. Unha actividade que se ofrecera tamén o ano pasado e que tivera moito éxito de participación.

O domingo a actividade trasládase ao Ecomuseo de Cervo (18 h.), onde se ofrecerá un ciclo de cine infantil de medo. A edil de Educación, Pilar Armada, asegura que poñen en marcha este programa de Samaín “pensando especialmente nos nenos e nenas, aproveitando que estes días non teñen clase, e ofrecéndolles alternativas para pasalo ben”. A edil convida a todos os nenos e nenas a participar nas actividades e a vivir esta ponte festiva “de forma activa e dinámica”.

31 de outubro de 2014 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.