O Concello da Coruña lanza Agra do Mundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, presentou esta mañá o proxecto Agra do Mundo deseñado para favorecer a multiculturalidade, a actividade e a diversidade comercial da Agra do Orzán promovendo a incorporación da poboación inmigrante ao comercio do barrio. A iniciativa realízase no marco do Plan Urbana C, cuxo principal obxectivo é dinamizar a zona a través do apoio á creación de novas empresas, entre outras accións.

O proxecto Agra do Mundo ponse en marcha tras as conclusións dun estudo municipal sobre o barrio que reflectía o peso da poboación inmigrante no Agra do Orzán. “Segundo os últimos datos, dos 13.216 inmigrantes censados na cidade, 2.577 residen na Agra do Orzán, o que supón practicamente 1 de cada 5 inmigrantes da Coruña”, explicou Cid na presentación do proxecto, á que tamén asistiron representantes da organización do programa: o director da ONG Ecos do Sur, Patxi Furtado; e o xerente da empresa especializada en formación e consultoría de comercio e emprendemento Areté Xestión de Persoas, Marcos Rebollar.

Agra do Mundo permitirá formar á poboación inmigrante do barrio facilitando a súa inclusión social, a sustentabilidade dos seus negocios e a súa adaptación aos modelos de comercialización de éxito dentro do barrio. Para conseguir estes obxectivos, o programa porá en marcha un plan formativo de Emprendemento Comercial. O taller, cun total de 25 prazas, terá unha duración de 190 horas, das cales 160 horas serán presenciais e outras 30 individuais para atender as dúbidas dos alumnos de forma personalizada. As clases empezarán o vindeiro luns, 3 de novembro, e finalizarán o 30 de xaneiro de 2015.

Os alumnos do Curso de Emprendemento Comercial responden aos seguintes perfís: inmigrantes interesados en emprender e comerciantes inmigrantes ou nacionais que se dedican á importación de produtos doutros países que desexan consolidar o seu modelo de negocio.

Durante o programa formativo, expertos en comercio asesorarán aos alumnos sobre aspectos básicos como que criterios hai que seguir para buscar un local, fórmulas de financiamento ou como relacionarse con axentes sociais implicados en emprendemento. O curso terminará coa presentación, por parte de cada alumno, dun proxecto final sobre como montar un negocio.

CALIGRAFÍA ÁRABE E DANZAS DO MUNDO

Finalizada a fase teórica comezará a fase práctica con catro mercadillos urbanos que se celebrarán no mercado das Conchiñas ao longo de catro sábados, que serán consensuados co comercio do barrio. Nestes mercadillos, os alumnos porán a proba a viabilidade do seu negocio ou o darán a coñecer. “Será un espazo común de intercambio de experiencias, recursos e iniciativas coa celebración de numerosas actividades culturais; desde música e danza até talleres de caligrafía árabe e chinesa, concursos de contos do mundo, degustacións, espazos gastronómicos de cociñas de distintos países e representacións teatrais na rúa”, explicou a edil, quen indicou que toda a información estará dispoñible desde o luns en www.agradomundo.org .

O proxecto Agra do Mundo conta cun orzamento de 72.600 euros e está cofinanciado ao 80% con fondos Feder a través do Plan Urbana C,que tamén inclúe outros proxectos deseñados desde Emprego e Empresa por un importe superior aos 1,2 millóns de euros durante 2014, como a Escola de Emprendedores e Aula de Emprego, os dous aínda en marcha, ou os programas Tendas a Exame, Tendas Pop-Up e Substitución Xeracional.  En todos os casos, o obxectivo é dinamizar o barrio e xerar actividade económica.

30 de outubro de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.