O Concello da Coruña convoca un concurso para deseñar vinilos decorativos para o centro Novoboandanza
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais, convoca o concurso para deseñar vinilos decorativos que se colocarán no centro cívico municipal Novoboandanza, unha iniciativa que se enmarca dentro da filosofía do Goberno local de impulsar a participación cidadá.
O departamento municipal que dirixe Miguel Lorenzo publica hoxe, luns 20 de outubro, as bases do concurso na páxina web de Servizos Sociais (www.serviciossociales.coruna.es).
O prazo de presentación será de 30 días naturais, polo que finaliza o 19 de novembro.
Con esta actividade, o Concello busca seleccionar un deseño para a súa posterior recreación en vinilos cos que se decorarán as ventás do baixo do edificio Novoboandanza.
Os interesados en participar poderán presentar un máximo de dous deseños por autor, sempre con temas ou motivos vinculados á cidade. Os traballos presentaranse en formato dixital JPG, en soporte CD e estarán pensados para adaptarse ás seguintes medidas:
Fachada de cálea Mosteiro de Bergondo. Cristaleira uniforme de 6,65 metros de ancho e 2,36 metros de alto.
Fachada da rúa Monfero (entrada ao centro sociocultural). Dúas portas (0,94 metros de ancho e 2,02 de alto en cada porta) e unha parede (1,83 metros de ancho e 1,96 de alto).
O xurado estará formado polo responsable do Servizo de Promoción Social e Igualdade do Concello, José Antonio Gómez, e, como vogais, polo xerente da Fundación Luís Seoane, David Varro, e o xefe do departamento de Ensinos Profesionais de Deseño Gráfico da escola Pablo Picasso, Javier Macho. O xurado seleccionará o cinco imaxes finalistas entre todas as que se presenten e, nunha segunda volta, elixirá o deseño gañador do concurso.











