O Concello da Coruña celebra un magosto no Parque dos Nacementos o 8 de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Enrique Salvador, informa da celebración, o próximo 8 de novembro, dun magosto no Parque dos Nacementos de Eirís.

O pasado mes de marzo, Medio Ambiente promoveu a plantación de 366 castiñeiros que formaron o Parque dos Nacementos, unha iniciativa cuxo obxectivo era crear un bosque de 40.000 metros cadrados en pleno Parque de Eirís en homenaxe a cada neno ou nena nado e empadroado na cidade. Cada castiñeiro representa un día do ano e está dedicado a cada un dos nenos que nazcan ese día. Cada neno recibe un pasaporte no que se identifica á árbore dedicada e tamén, a través dunha foto, queda rexistrado o menor e a súa familia. Así, a cada novos pais entrégaselles un exemplar personalizado cos datos do recentemente nado e o seu irmán árbore correspondente. O pasaporte, que ten unha aparencia similar á dun Libro de Familia, contén textos didácticos sobre as árbores, o castiñeiro, o seu froito e as tradicións e festas da cultura galega relacionadas con esta especie arbórea e páxinas en branco para escribir anécdotas ou engadir fotografías.

Con esta iniciativa, que forma parte das actividades de concienciación da Concellaría, pretendeuse, ademais crear un escenario ideal para a realización de xornadas familiares. Neste sentido, o Goberno local organiza o 8 de novembro un magosto entre as 16.00 e as 20.00 horas para o que enviará unha invitación, a través de carta, a todas as familias que, ao longo de 2014, teñan fillos.

O programa de actividades inclúe degustación de castañas, actuacións de música e danza tradicional galega, taller de xogos populares, taller de decoración de cucuruchos para castañas e unha sesión de contacontos.

29 de outubro de 2014 | 12:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.