O Concello da Coruña aproba un investimento dun millón de euros para modernizar a iluminación da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta de Goberno aprobou sacar a concurso un proxecto que permitirá continuar adiante co plan municipal de modernización dos espazos públicos. Neste caso concreto, destínase un millón de euros para a realización de traballos de renovación da instalación eléctrica de baixa tensión da iluminación pública.

O Concello tamén concedeu a licenza que permite á Xunta executar as obras de mellora da accesibilidade na estación de autobuses, unha actuación que se suma aos proxectos desenvolvidos polo Goberno municipal para a renovación integral da terminal da Cubela. Ademais, A Coruña acollerá a Conferencia Anual da Sail Training International, que terá lugar entre os días 13 e 16 de novembro e que traerá á cidade a 300 congresistas de todo o mundo.

ILUMINACIÓN

O Concello ten previsto dedicar 1.005.576,66 euros a obras de reparación e reposición da instalación eléctrica de baixa tensión da iluminación pública nas rúas de A Coruña. A Xunta de Goberno Local, que autorizou reservar o 30% do investimento para este ano e o 70% restante para 2015, aprobou o expediente de licitación deste proxecto, que se divide en dous contratos (zona norte e zona sur da cidade).

Estas melloras na iluminación pública incluíronse dentro da proposta presentada polo Concello á Deputación da Coruña para que o seu proxecto formase parte do Plan DTC (Unha Deputación para Todos os Concellos). Tras o visto e prace do ente provincial á solicitude da administración municipal, a Xunta de Goberno aprobou a licitación da obra en dous contratos. En ambos os casos, o prazo previsto de execución é de 4 meses unha vez se adxudiquen os traballos, tanto na zona norte como na zona sur da cidade.

Con este investimento, o Concello afianza o seu compromiso co plan de mellora e modernización da rede de iluminación pública. Así, no orzamento deste ano, a área de Infraestruturas dispón de máis de 6 millóns de euros para alcanzar unha maior eficiencia enerxética e para continuar co plan municipal de remodelación da iluminación. Esta mesma semana, licitouse a modernización da iluminación do paseo marítimo, á altura das praias de Riazor e Orzán, cun orzamento de 1.319.470 euros e un período máximo de execución de 4 meses.

ESTACIÓN DE AUTOBUSES

A Xunta de Goberno Local deu o visto e prace á licenza para executar obras de mellora da accesibilidade e a instalación de sistemas de información na estación de autobuses da Cubela. Trátase dun proxecto da Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Esta actuación proxectada pola Xunta inclúe a colocación de dous novos ascensores e dúas escaleiras mecánicas, que resolverán actuais problemas de accesibilidade, conectando directamente a planta principal de entrada á estación de buses coas dársenas. Ademais, aproveitarase a execución dos traballos para actualizar e modernizar as instalacións e sistemas de información. En total, actuarase sobre unha superficie que alcanza os 114,50 metros cadrados. Cun orzamento de 266.470 euros, o prazo de execución máximo é dun ano.

As obras do Goberno galego súmanse ao plan municipal para a mellora da estación de buses da Cubela, unha infraestrutura na que a Concellaría de Mobilidade xa realizou este ano labores de repavimentación sobre 7.652,50 metros cadrados de plataformas. Estes traballos, nos que se investiron 295.649 euros, melloraron a calidade do servizo, dado que a eliminación de fochancas e charcos das plataformas fai que os viaxeiros dispoñan dun pavimento máis cómodo no traxecto de entrada e saída dos autobuses, potenciándose así a utilización do transporte público e dunha infraestrutura do ano 1973 que até a entrada do actual equipo de goberno en María Pita carecía dun plan de mantemento ou de conservación.

A estación de autobuses conta con máis de 5 millóns de viaxeiros cada ano e cun movemento medio de tráfico interurbano en días laborais que alcanza os 874 buses e os 18.000 viaxeiros. Todas estas actuacións coordinadas supoñen unha contundente resposta á necesidade de dar solución ás demandas das persoas que utilizan o transporte público interurbano, mellorando a conectividade entre a estación de autobuses e o resto da cidade. O Concello proseguirá nos próximos meses con novas obras que mellorarán a calidade do servizo na terminal de buses coruñesa.

SAIL TRAINING INTERNATIONAL

A Xunta de Goberno tamén autorizou a cesión da Sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae para a inauguración da Conferencia Anual da Sail Training International. A recepción oficial será o 13 de novembro, a partir das 19.30 horas.

A Conferencia Anual da Sail Training International celebrarase en Palexco entre os días 13 e 16 de novembro e traerá á cidade a 300 congresistas de todo o mundo, o que avala o posicionamento da Coruña como cidade de congresos.

A Coruña acolle esta conferencia grazas á liña de traballo impulsada polo Concello coa Sail Training International (STI) e a Asociación Juan de Lángara. A conferencia anual da STI supón un retorno económico importante para o sector servizos da cidade, ademais de manter a hexemonía da Coruña como referencia do noroeste peninsular no mundo da vela.

Esta conferencia outorgóuselle á cidade en competencia con diversas urbes europeas e é un evento anual que ofrece seminarios, talleres e programas a medida para satisfacer as necesidades e intereses dos delegados dos portos anfitrións e capitáns dos barcos que se dedican ao adestramento de mozos; converténdose na oportunidade perfecta para que a comunidade Sail Training de todo o mundo se reuna, comparta as súas experiencias de traballo e se ofreza apoio mutuo e consultas cos expertos.

A Sail Training International, que ten como fins o desenvolvemento e a educación dos mozos na navegación a vela, dándolles á súa vez unha experiencia de intercambio de culturas, encárgase de organizar a Tall Ships Races, a Regata de Grandes Veleiros que chegou á cidade da Coruña en 8 ocasións (na última, no ano 2012, atraeu á cidade a 1 millón de visitantes e a 48 embarcacións de 18 nacionalidades) e que regresará por novena vez en 2016, cando ademais terá como particularidade que A Coruña será o porto final.

LICENZAS URBANÍSTICAS E REHABILITACIÓN

A Xunta de Goberno concedeu esta mañá licencias urbanísticas que suporán un investimento na cidade de 570.466 euros, o que eleva a cantidade desde o inicio do mandato ata os 309,9 millóns de euros.

O Concello tamén outorgou unha subvención de 71.186 euros á comunidade de propietarios do número 1 da travesía Antonio Pedreira Ríos para executar obras de rehabilitación en elementos comúns do inmoble, como a reforma da fachada. Así, o Goberno municipal outorga o 80% do orzamento de execución deste proxecto -o máximo permitido por lei- entre 8 propietarios. O edificio está integrado dentro da área de Rehabilitación Integral (ARI) do grupo de vivendas de Os Mariñeiros.

PLAN CONECTA CASTRILLÓN

A Xunta de Goberno Local acordou implementar en 52.791 euros o orzamento para a execución das obras da fase 1 do Plan Conecta Castrillón 2013-2016, é dicir, para a urbanización da rúa Casanova de Eirís e da avenida dos Caídos. O Concello mantén o prazo de execución dos traballos fixado na adxudicación do proxecto e eleva a cantidade final destinada a este proxecto ata os 618.286 euros, o que permitirá completar os traballos de escavacións, achegue de terras ou de instalación de paso de peóns en Casanova de Eirís nas entradas do colexio.

A fase 1 do Plan Conecta Castrillón recolle a urbanización de ambas as rúas -que terán dobre sentido de circulación con carrís dun ancho mínimo de 3 metros e beirarrúas de 2 metros, favorecendo as conexións dentro do barrio e mellorando os accesos ao futuro polideportivo municipal-; a construción de 155 prazas de aparcadoiro; a canalización de servizos (auga, saneamento, telefonía, electricidade e gas); a colocación de iluminación pública e novo mobiliario; e a plantación de árbores. En total, está a actuarse sobre unha superficie de 7.021 metros cadrados.

Na actualidade, tamén se está desenvolvendo a fase 2 do proxecto, na rúa Antonio Ríos, unha obra que arrincou o pasado mes de xuño e que permitirá completar o trazado desta vía para dar continuidade ao tráfico rodado e peonil na zona. Neste caso concreto, cun investimento de 324.405 euros, actúase sobre 2.421 metros cadrados e construiranse 44 prazas de estacionamento.

ASESORÍA XURÍDICA

A Xunta de Goberno Local tamén tomou coñecemento da providencia ditada polo Tribunal Supremo pola que inadmitiu o incidente de nulidade de actuacións contra a sentenza da Sección Quinta do Tribunal Supremo polo caso do edificio Conde de Fenosa. O Concello seguirá traballando para velar polos intereses xerais dos coruñeses fronte a esta herdanza urbanística que se orixinou durante a etapa de gobernos socialistas na cidade. Neste sentido, na sesión desta mañá tamén se acordou interpor un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional.

31 de outubro de 2014 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.