O Centro Rosalía de Castro celebra o Día da Biblioteca con escolares de catro anos
O venres, 24 de outubro conmemórase a nivel mundial o Día da Biblioteca. Co gaio desta celebración e como é habitual, o centro municipal Rosalía de Castro organiza unha actividade especial dedicada aos máis cativos co obxecto de que teñan o seu primeiro contacto co Biblioteca e vaian adquirindo o gusto polos libros e o hábito pola lectura a través dunha sesión de contacontos que terá lugar na sala infantil de lectura da Rúa Rey Daviña a partir das 10.30 horas.
A animadora á lectura, Raquel Queizás, será a engargada de ofrecer o espectáculo que leva por título”A maleta da avoa”. O público será un grupo de escolares de catro anos dos colexios San Francisco e A Escardia.
Sinopse
“A maleta da avoa” é unha montaxe de contacontos con obxectos e títeres para nenas e nenos a partir de 3 anos. A maleta é a memoria e nela, a protagonista garda todos os contos, historias e lendas que lle contaba a súa avoa cando era cativa, ben fora á hora do almorzo, como cando ían a lavar a roupa ao río o mesmo debullando o millo.
Trátase dunha recolleita de contos populares, tradicionais e ambientados no rural galego, partindo de lembranzas da nenez de Raquel Queizás que trasladará aos nenos e nenas de Vilagarcía historias de mouras encantadas,ensinaralles trucos para liberarse dos trasnos rebuldeiros, e invitaraos a emprender unha viaxe para conseguir os tres pelos do demo coa axuda do neno Vicente Risco.











