O centro penitenciario de Teixeiro acolle unha nova edición do programa ‘Socializados’
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, puxo en marcha hoxe a quinta edición do programa ‘Socializados’ no centro penitenciario de Teixeiro (A Coruña), unha iniciativa que está destinada á reinserción dos internos.
Este ano, como novidade, o programa amplíase de sete a nove meses, o que permite ampliar o tempo de intervención cos internos da cárcere. Deste xeito, durante 9 meses os participantes recibirán sesións de forma quincenal na que se traballarán diferentes bloques temáticos: a convivencia e as relacións sociais; as emocións e as súas xestións; manifestación aditivas; e as relacións familiares e de parella. O de convivencia e relacións sociais realizarase por primeira vez este ano.
O programa realízase en dous módulos. Por unha banda, no módulo 1 ‘Xove Nelson Mandela’, no que a Consellería de Traballo e Benestar, a través do Plan de Inclusión, xa realiza actividades para a inserción social, familiar e laboral para cando saian en liberdade; e, por outro lado, no módulo 5 ‘De respecto e deporte Gómez Noya’. Nos dous casos e, a través do programa de Xuventude, trabállase con poboación de entre 18 e 35 anos con grupos de aproximadamente 15 persoas.
O labor é realizado por profesionais dos centros Quérote + que levan a cabo un traballo dinámico e interactivo, impulsando a participación das persoas que conforman o grupo. Nesta edición buscarase a participación dos reclusos en acción e campañas que se desenvolvan tamén en espazos de rúa. O que se pretende é que os participantes no programa poidan tomar parte das actividades dirixidas á mocidade e difundir a súa participación a través de espazos como redes sociais.











