O alcalde de Vigo cre que o pacto presupostario se cumpre escrupulosamente
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este mércores que o goberno local cumpre “escrupulosamente” o pacto selado co PP para a aprobación dos presupostos de 2014, aínda que precisou que en ningún momento chegou a ningún acordo cos populares relacionado co novo hospital.
En rolda de prensa, o rexedor olívico apuntou que o pacto de presuposto foi un “pacto por un ano” e que “se cumpriu moi ben”, porque “o goberno local sempre cumpre os seus acordos”.
Non obstante, a preguntas dos medios sobre as acometidas do hospital e outras obras relacionadas con esta infraestrutura, o alcalde precisou que o goberno de Vigo non ten “nin un só acordo” sobre o “hospital privado que a Xunta está a construír”. “Non hai nada sobre o hospital, non temos nada que ver co hospital privado nin o imos ter”, insistiu.
Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal do PP, José Manuel Figueroa, recoñeceu que o pacto de presupostos, que incluía unha serie de condicións por parte dos populares (como rebaixas de impostos, facilitar as acometidas para o hospital, e outras “liñas vermellas”), estase a levar a efecto. “Queda moi poquito por cumprir”, apuntou.
En calquera caso, Figueroa aclarou que o PP “non asinou un acordo con Abel Caballero, senón cos cidadáns e con Vigo”. “Isto é o que quere a cidade, que se resolvan os problemas(..) e o PP é un partido crible, que cumpre o que di,” indicou o voceiro do grupo, quen insistiu en que os populares non queren “nin polémica nin confrontación”.











