O alcalde de Santiago rexeita pronunciarse sobre a elección de Currás para Tragsa ante as críticas
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández rexeitou novamente este martes pronunciarse sobre a elección do seu predecesor no cargo, Ángel Currás, como delegado da empresa pública Tragsa, aludindo a que non ten “ningunha novidade”. “Non teño nada que dicir”, sentenciou.
En declaracións aos medios despois de participar nun acto en Santiago de Compostela, Hernández non quixo pronunciarse sobre as críticas realizadas pola oposición municipal e polos propios traballadores de Tragsa sobre o nomeamento como delegado do exrexidor, sobre quen pesan dúas imputacións por tráfico de influencias na Operación Pokémon e por prevaricación e acoso moral a un policía local.
“Non teño nada que dicir, non vou facer ningunha valoración” das críticas da oposición, apuntou Hernández, quen se escudou en que “non solicitou nada antes” -en referencia ao nomeamento de Currás- e non solicitará “nada agora”.
Preguntado en concreto polas críticas dos traballadores de Tragsa, que arremeteron este luns contra o nomeamento e instaron a Hernández e a Núñez Feijóo a que se traguen o sapo”, o rexedor compostelán rexeitou entrar nesta cuestión.
“Non teño nada que dicir respecto dese tema, é unha decisión persoal do señor Currás, que respecto e non valoro”, sentenciou o alcalde. Paralelamente, afirmou que non ten tampouco ningunha novidade sobre os prazos e o substituto de Ángel Currás. “Cando sexa o momento, tomarei a decisión adecuada unicamente pensando no mellor para a cidade”, ratificou.











