O alcalde de Ponte Caldelas supervisa as obras de mellora da estrada de Pazos

Visita do alcalde de Ponte Caldelas ás obras
O alcalde Perfecto Rodríguez supervisou o inicio das obras de mellora da Estrada Provincial CP-0202 Ponte Caldelas-Pazos, que dá acceso a este núcleo de poboación, e que a Deputación de Pontevedra adxudicou á empresa Construcións e Escavacións Pérez Portela, S.L., cun orzamento de 134.000 euros.
As obras que acaban de comezar teñen previsto realizar unha nova pavimentación do viario nunha lonxitude aproximada duns 800 metros lineais, así como a renovación das tubaxes da rede de recollida de pluviais e do saneamento existente na zona. Os traballos contemplan a separación das augas pluviais e fecais que, na actualidade, van xuntas en varios puntos da rede de sumidoiros. Con esta substitución das tubaxes preténdese mellorar o funcionamento destes servizos evitando que se filtren ao saneamento cantidades de auga procedentes da choiva que debe evitarse que cheguen á depuradora. Algo similar fíxose xa aproveitando a reforma da PO-255 desde a R/López Boullosa até a recta de Pazos.
Este viario, de titularidade provincial, foi utilizado para desviar o tráfico durante a execución da ampliación da estrada PO-255, entre Ponte Caldelas e Forzáns, o que fixo que soportase unha presión sobre o seu asfalto máis intensa do normal, o que provocou a súa actual situación de deterioración.
UNHA VEZ FINALICEN AS OBRAS, O CONCELLO PEDIRÁ Á DEPUTACIÓN O SEU TRASPASO A TITULARIDADE MUNICIPAL
Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas, está a valorar a posibilidade de asumir a titularidade desta estrada, unha vez se finalicen as obras de renovación das conducións de pluviais e rede de sumidoiros e pavimentación, tendo en conta que se trata dun viario que, polas súas características, poderíase cualificar como interior xa que os seus 800 metros lineais de lonxitude discorren polo núcleo de Pazos, con moitas vivendas a ambas as marxes da calzada, que impiden no futuro o seu ensanche.
No caso de pasar a ser un viario municipal, os veciños de Pazos evitaríanse todos os trámites que actualmente teñen que realizar ante a Deputación de Pontevedra para calquera pequena reforma que queiran acometer nas súas vivendas. Ademais, sendo municipal e tendo en conta que no viario están instaladas tubaxes da rede de saneamento ou auga, facilitarase tamén calquera reparación ou enganche que agora hai que realizar solicitando, previamente, autorización á Deputación de Pontevedra.











