publicidade hoxe

O alcalde de Oleiros critica os orzamentos da Xunta que esquecen os investimentos na localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, criticou esta mañá os orzamentos da Xunta para o 2015. O rexedor censurou o documento preparado polo Goberno galego e sinalou que de novo esquece investimentos fundamentais, non só para Oleiros, senón para toda a comarca da Coruña. «O Goberno autonómico, unha vez máis, ignora os problemas que afectan directamente aos cidadáns», asegurou o rexedor. «Se os do Estado eran malos estes son peores», concluíu en referencia aos orzamentos.

Durante a súa intervención, García Seoane analizou algúns dos principais cometidos nos que a Xunta eximiu a súa responsabilidade e que «esqueceu» incluír no capítulo de investimentos xerando un problema en sectores estratéxicos da sociedade oleirense. Neste sentido referiuse ao acceso do Porto de Lorbé, para o que non consigna nin un só euro, retrasando deste modo a conclusión dunha obra fundamental para un do motores económicos da zona norte do municipio e principal zona de cultivo de mexillón nas Rías Altas galegas.

Así mesmo, o rexedor criticou a elevada partida orzamentaria destinada á elaboración do proxecto para o enlace da vía Ártabra coa AP-9. «É case medio millón de euros nun proxecto sen que se fale da execución destes necesarios traballos. Se a Ártabra non enlaza coas vías de alta capacidade non dá servizo á comarca», sinalou. Ademais, en relación a este asunto, censurou que o Goberno autonómico continúe retrasando os pagos polas expropiacións de terreos para os tramos construídos. «Moitas familias seguen sen cobrar máis dun ano despois de que o presidente da Xunta se comprometese a facer os pagos».

Por último, o alcalde referiuse ao necesario tanque de decantado de Santa Cruz. Trátase de importante asunto en materia medio ambiental, xa que a Xunta non asigna ningunha contía para esta necesaria obra que evitará os vertidos puntuais froito dos aumentos de leito no río que desemboca na praia de Santa cruz. Esta obra conta co 80% de financiamento europeo comprometido e só falta que a Xunta comprometa o 20% restante, pero no documento se obvia este investimento.

21 de outubro de 2014 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.