O 50% dos recibos que xestiona o ORAL están domiciliados
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publica hoxe o calendario fiscal para 2015, no que se recolle o período de cobro de cada un dos impostos e taxas que xestiona o ORAL e que representan preto de 1,2 millóns de recibos.
Desta cifra, o 48,68% (cerca de 575.000) está domiciliado, polo que os recibos se cargan directamente na conta indicada polos contribuíntes. Segundo o calendario fiscal, en 2015 este cargo realizarase o 5 de maio para o imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM), o 2 de outubro no caso do imposto de bens inmobles (IBI) e o 4 de novembro para o de actividades económicas (IAE).
Así mesmo, o calendario establece o período de pagamento para aqueles recibos non domiciliados, que queda fixado do 8 de abril ó 8 de xuño para o IVTM, do 3 de agosto ó 15 de outubro para o IBI e do 4 de setembro ó 4 de novembro para o IAE.
Con respecto ás taxas e prezos públicos (entre os que se inclúen o lixo, a auga ou os vaos) o calendario de pagamento é o seguinte:
| Data de inicio | Data de fin | Cargo (recibos domiciliados) | |
| 1º trimestre | 5 de febreiro | 6 de abril | 5 de marzo |
| 2º trimestre | 5 de maio | 6 de xullo | 5 de xuño |
| 3º trimestre | 5 de agosto | 5 de outubro | 4 de setembro |
| 4º trimestre | 30 de outubro | 30 de decembro | 4 de decembro |
Pagamento fraccionado
O ORAL mantén abertas varias fórmulas para facilitarlles o pagamento dos recibos ós contribuíntes dos 51 concellos que teñen delegada a xestión dalgún dos recibos de taxas ou impostos.
Entre estas fórmulas figura o sistema especial de pagamento do IBI ou o Plan Personalizado de Pagamento.
O fraccionamento do IBI en dous prazos aparece recollido tamén no calendario fiscal de 2015. Os contribuíntes poderán acollerse a este acudindo ás oficinas do ORAL ou directamente a través da Oficina Virtual, entrando na páxina e elixindo o modo de pagamento (único ou fraccionado).
O primeiro dos pagamentos cargarase en conta o 3 de agosto, e o segundo o 2 de outubro. Así, se o contribuínte quere acollerse ó sistema especial de pagamento do IBI de 2015 poderá facelo aínda ata o 31 de marzo.
Outra das posibilidades que ofrece o ORAL para fraccionar o pagamento dos recibos é o denominado Plan Personalizado de Pagamento posto en marcha o pasado ano, que lles permite ós usuarios agrupar os recibos do IAE, IVTM e IBI e xestionalos coma se dun só se tratase, fraccionando o pagamento en varias cotas.











