Nava Castro asiste á mesa de Directores Xerais de Turismo en Madrid

Nava Castro en Madrid
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, viaxou a Madrid para asistir á Mesa de Directores Xerais de Turismo, na que, entre outros temas, se presentou o informe do proxecto Emprendetur Internacionalización da Secretaría de Estado de Turismo.
Durante o encontro, presentouse esta iniciativa dirixida á concesión de préstamos “brandos” reintegrables a empresas españolas do sector turístico, cuxos produtos e servizos sexan innovadores e estean orientados ao mercado internacional.
Os obxectivos de Emprendetur Internacionalización son mellorar a capacidade e a propensión exportadora, diversificar os mercados de destino, mellorar o posicionamento internacional do sector, fortalecer os procesos de internacionalización do sector turístico e impulsar internacionalmente produtos turísticos innovadores.
As condicións xerais destes préstamos son dous anos de carencia, cinco anos de amortización e un interese fixado polo Tesouro Público. Ademais, é financiable o 100% do presuposto do proxecto cun máximo dun millón de euros e garantías do 36 por cento do total. A execución do proxecto deberá ser nun máximo de dous anos, cunha subcontratación menor ao 50%.
Durante a Mesa tamén se fixo un seguimento da última reunión celebrada o pasado maio entre os directores en Santiago de Compostela, levouse a cabo un grupo de traballo sobre vivendas particulares para uso turístico e tratouse a proposta do grupo de traballo de Guías de Turismo.
Por outra parte, formalizouse o grupo de traballo sobre turismo activo e tratouse o estado dos plans operativos anuais, así como a reorganización das oficinas de Turespaña en Alemaña e a cobertura da zona do Golfo cunha futura oficina en Dubai.











