Mos recoñece o triunfo da deportista local Susana Alonso no Campionato de España de BTT Maratón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMos
A-
A+
Recoñecemento a Susana Alonso

Recoñecemento a Susana Alonso

Esta tarde celebrouse no Concello de Mos unha recepción que dende a administración local se lle organizou á deportista mosense, Susana Alonso, con motivo das súas recente proclamacións como Campiona de España de BTT Maratón e Subcampiona do Open de España XCM. 

No acto, que tivo lugar no Salón de Sesións da Casa Consistorial estiveron presentes a propia galardoada, Susana Alonso Carballo, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Isidoro Táboas, concelleiro de Deportes mosense e outros membros da Corporación Municipal.

A rexedora local e o edil de Deportes destacaron a traxectoria deportiva de Alonso e os títulos acadados por esta deportista de Petelos, que se atopa no máis alto do panorama nacional da Mountain Bike. Eloxiaron o seu esforzo, adicación, capacidade de superación que lle permiten crecerse ante as adversidades obtendo finalmente espectaculares logros deportivos.

Os últimos destes logros foron o primeiro posto no Campionato de España de Bike Maratón (XCM Élite 2014) que obtivo o pasado 5 de outubro e a prata no Open de España XCM 2014 celebrado o día 19 de outubro.

Un dos Campionatos de España BTT Maratón que se recordarán pola súa extraordinaria participación, quizais a mellor da súa historia, consolidou á corredora de Mos como nova Campioa de España XCM Elite 2014 e entrou a formar parte por méritos propios na historia do BTT español. Alonso presentábase en solitario nunha abarrotada meta de Paterna con 29 segundos de vantaxe sobre o seu “ídolo e culpable en boa parte que me dedicase a isto do Mountain Bike en serio” a pentacampeona do Mundo, Marga Fullana, e máis de 6 minutos sobre Sandra Santanyés, terceira. Unha victoria no Campionato de España non se consegue nin nun día nin en meses, fai falta moito traballo, esforzo, sacrificio e anos para poder chegar ata onde chegou Susana Alonso Carballo.

No Open de España no que Alonso quedou segunda, a deportista mosense protagonizou con Sandra Santanyés un emocionante sprint despois de 60 quilómetros de carreira, que se saldou coa victoria da segunda. Susana Alonso ratificaba o seu extraordinario estado de forma en Cantabria e na parte final do percorrido daba alcance primeiro a Cristina Oliva e posteriormente a Sandra Santanyés, con quen se presentou en liña de meta para xogarse entre ambas as dúas a última vitoria do Open nun emocionante sprint que finalmente caía do lado da catalá por escasos centímetros. Santanyés certificaba tamén o seu triunfo final por diante de Alonso e as dúas corredoras demostraron ser as máis fortes da competición. “Sabía que estaba moi complicado porque Sandra é unha gran corredora, pero quería despedirme con outra vitoria neste Open e faltoume moi pouco”, declaraba Susana ao termo da carreira. “Pero estou tremendamente contenta coa tempada que levo e agora toca descansar, despois será o momento de analizar a tempada, tanto o bo coma o non tan bo, e comezar a preparar o ano que vén”, sentenciou a corredora de Mos.

30 de outubro de 2014 | 21:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.