Mellora dos Cemiterios Municipais e construción de novos nichos en Mos
Con motivo de que mañá se celebra o Día de Todos os Santos o Concello de Mos está a realizar melloras nos seus dous Cemiterios Municipais, o de Torroso e o de Mos. Precisamente hoxe se achegaron a visitar ambos cemiterios e comprobar de primeira man o resultado dos traballos realizados a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro responsable dos Cemiterios Municipais, Cándido Pérez; acompañados pola aparelladora ou arquitecto técnico municipal que exerce como coordinadora das obras.
As melloras realizadas no Cemiterio de Torroso consisten no drenaxe das zonas axardinadas para evitar a acumulación de auga e a optimización da capela mediante a limpeza da cuberta, reparación de filtracións, pintado interior e instalación de canalóns exteriores. Tamén se pon en marcha a solución para evitar a humidade nos nichos próximos á capela e se repararán os tres portalóns de entrada ó cemiterio.
No Cemiterio Municipal de Mos realizáronse labores de limpeza, xardinería, pintado de zonas exteriores e mantemento no firme exterior tales coma o rexuntado etc. Ademais está prevista tamén a execución dunhas obras, para as cales está xa redactado o pertinente proxecto, de construcción de novos nichos, moi necesarios dada a gran demanda existente.
Estes últimos traballos consistirán na apertura dunha gran entrada lateral que comunique directamente co aparcadoiro do cemiterio, evitando así o tránsito a pé de persoas que se dirixen á entrada principal do camposanto pola estrada Nacional 550, xa que iso supón un gran perigo para os peóns. Tamén se realizará a construcción de novos nichos en tres zonas habilitadas para tal fin no interior do cemiterio, de xeito que se crearán un total de 44 nichos a maiores dos xa existentes.
Actualmente atópase aberto o prazo de solicitude de concesión por 50 anos prorrogables por outros 10 anos máis destes novos nichos no Cemiterio Municipal da parroquia de Mos, prazo que rematará o vindeiro 12 de novembro. Os interesados en optar a unha destas concesións poden dirixirse ó Concello, concretamente ó departamento muncipal de Secretaría, e solicitar a información e documentación necesarias para poder formalizar a súa solicitude.
Deste xeito, dende o Concello de Mos preténdese que unha zona de enorme respecto para os veciños e veciñas mosenses, como é o cemiterio, se atope nas máis óptimas condicións posibles e que todos os habitantes do municipio que así o desexen e o precisen poidan dispoñer do seu espazo nel.











