Medio Ambiente remite o proxecto de actuación na Praza das Pontes ao Concello de Cangas
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do organismo autonómico Augas de Galicia, remitiu hoxe o proxecto de recuperación e actuación na praza das Pontes no concello pontevedrés de Cangas, co fin de continuar coa tramitación da obra, para o que é necesario que o Concello proceda a súa aprobación. O departamento que dirixe Ethel Vázquez, que investirá nestes traballos máis dun millón de euros, considera esta actuación unha prioridade, xa que significará un importante beneficio para o habitantes de Cangas, ao eliminarse as posibilidades de inundacións.
Actuacións
As tarefas a levar a cabo na Praza das Pontes teñen como obxecto principal unha nova definición urbanística da zona, recuperando todos os bens patrimoniais que axude a mellorar o comportamento do río fronte os episodios de avenidas. Para elo, farase unha apertura do tramo final do río Bouzós, actualmente canalizado; e instalarase unha pasarela peonil de madeira.
Así mesmo, procederase a recuperación parcial da ponte histórica, cuberta pola avenida de Ourense, e da ponte da Forte, tamén cuberta pola canalización. Ademais, procederase á apertura do vano, para facilitar o desaugamento do río. Por último, levarase a cabo a reurbanización da praza en ambas as dúas marxes creadas











