Medio Ambiente adxudica as obras de mellora da curva da Costa da Morte en Mos por máis de 268.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosPontevedra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou por máis de 268.000 euros as obras de mellora da denominada curva da Costa da Morte, na estrada O Porriño-Gondomar (PO-331), no concello pontevedrés de Mos.

A empresa Covsa executará esta actuación co obxecto de mellorar a seguridade nos movementos nesta zona.

Actualmente o acceso ao núcleo de Sequeiros dende a PO-331 presenta unha reducida visibilidade, tanto para os xiros de saída da citada estrada cara á vía local pola que se accede a esta localidade, coma na incorporación á estrada autonómica.

Por outra parte, neste punto atópase a coñecida Fonte de Atín, utilizada por numerosos veciños, que dispón na fronte dunha pequena explanada. É frecuente que os veciños fagan cambios de sentido nese punto, a pesar da súa reducida visibilidade e radio de xiro, o que pode xerar situacións de risco.

A estrada nese punto rexistra notables intensidades de tráfico (superiores aos 6.000 veh/día), polo que se decidiu intervir incorporando un carril central de espera e unha semiglorieta que permita o cambio de sentido, mellorando a visibilidade na intersección e habilitando un punto axeitado para permitir os xiros en condicións de seguridade.

Para isto, o acondicionamento de intersección da estrada PO-331, previsto no PK 3+500 inclúe:

• Ensanche da calzada cara a marxe esquerda (lado terraplén), e execución dun muro de escollera de 134 metros de lonxitude e unha altura media de 1,75 m.
• Nova drenaxe transversal
• Alumeado

Estes traballos incrementan a seguridade viaria nesta estrada, ao definir carrís que faciliten aos máis de 15.000 veciños de Mos xiros e movementos viarios de xeito ordenado e delimitado.

31 de outubro de 2014 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.