Mclan, o ballet El lago de los cisnes ou a adaptación teatral do Cyrano de Bergerac integran a oferta cultural de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Os grandes concertos “Son(S) de Ferrol e as obras teatrais para todos os públicos regresan os vindeiros mes de novembro e decembro ao Teatro Jofre e o Auditorio de Ferrol da man da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado. O concelleiro avanzou hoxe aos grupos políticos municipais o contido desta nova programación cultural na comisión informativa da área celebrada esta mañá, e da mesma volve destacar o feito de que se trate dunha oferta plural tanto no sentido de que abrangue teatro, música, danza…, como pola presenza de espectáculos para todos os gustos e públicos.

Así, o concerto inaugural da xira de presentación do novo disco do grupo Mclan, o musical “Dancing Broadway” ou a adaptación teatral do popular “Cyrano de Bergerac” integran a proposta cultural do Concello de Ferrol para o mes de novembro no Jofre e o Auditorio. Esta oferta complétase coa ópera “Don Giovanni”, o teatro Familiar “E-Book, las edades del libro” e a vixésimo oitava edición do Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol. Neste senso, o edil de Cultura explicou que as probas do certame internacional de piano se realizarán no Jofre, pero a final se trasladará ao Auditorio de Ferrol “que conta cun excelente equipamento para este evento”, engadiu.

Ademais, García Hurtado adiantou os eventos que pecharán a tempada de 2014 no mes de decembro que están encabezados polo concerto de Rosendo no Auditorio de Ferrol. Así mesmo, o Teatro Jofre acollerá o ballet “El lago de los cisnes” ou os musicais infantís “Pulgarcita” e “El fantástico mundo de diverplay”. Tamén no último mes do presente ano, terán lugar a comedia “Brokers”, un concerto de música clásica a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia e a zarzuela “La revoltosa”. As entradas para os diferentes eventos pódense adquirir de xeito anticipado na páxina web: www.ferrol.es (Apartado Axenda Cultural) ou no propio despacho do Teatro Jofre.

Escola Municipal de Teatro

A comisión informativa de Cultura, Educación, Deportes e Turismo tamén abordou a creación da Escola Municipal de Teatro, un compromiso recollido no proxecto de cidade “Ferrol2020”. Segundo sinalou o edil ferrolán, a proposta está aberta para que os diferentes grupos municipais realicen aportacións ás bases que serán aprobadas nunha próxima comisión. Así mesmo, García Hurtado avanzou que a capela do Centro Cultural Torrente Ballester será a sede desta nova escola que estará integrada por tres grupos de infantíl, xuvenil, adultos, sénior así como grupos específicos. Esta nova escola municipal de teatro contará cunha inversión global para o vindeiro ano de 30.000 euros e dará comezo no mes de xaneiro de 2015. O concelleiro responsable da área cultural tamén explicou que as clases se desenvolverá de luns a xoves en horario de tarde e que os prezos de matriculación “serán os máis baixos de toda Galicia”.

31 de outubro de 2014 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.