Mar de Caión convoca o primeiro concurso de fotografía feito con dispositivos móbiles
O Concello da Laracha convoca o primeiro concurso de fotografía móbil Mar de Caión, que levará a cabo a través da rede social Facebook entre o 29 de outubro e o 9 de novembro de 2014. Este certame enmárcase na segunda fase do proxecto GAC financiado con fondos europeos “Mar de Caión”, que ten como principal cometido promover e dar a coñecer os recursos relacionados co mundo e a cultura mariñeira e o coidado da contorna natural de Caión.
A ferramenta escollida para a celebración deste concurso é a rede social Facebook, na que a fan page de Mar de Caión dispón de máis de 600 seguidores. Co fin de aumentar esta comunidade e afianzar a xa existente, para participar é necesario ser fan da páxina de Facebook Mar de Caión.
Posteriormente, o único que deben facer os interesados en participar é subir nos seus muros de Facebook unha ou varias fotografías de calquera recuncho de Caión que estean vinculadas cos valores turísticos, naturais, socioculturais e ambientais do municipio e etiquetalas co hashtag #MardeCaion.
Outra condición fundamental para optar ao premio é que as fotografías estean realizadas cunha cámara de dispositivo móbil (teléfono ou tableta), ademais de ser propias, actuais ou non, orixinais e non premiadas anteriormente.
A páxina Mar de Caión creará un álbum con estas imaxes para que os fans de Mar de Caión voten a súa favorita. A imaxe que máis votos reciba gañará unha comida ou cea para dúas persoas nun local da Rede de Hostaleiros de Mar de Caión.
Os interesados en participar teñen toda a información á súa disposición en Facebook.com/mardecaion e www.mardecaion.com.











