Máis de 4.000 persoas chegan ao Porto de Vigo no Celebrity Eclipse
Máis de 4.000 persoas, entre pasaxeiros e tripulantes, chegaron esta mañá ao Porto de Vigo a bordo do Celebrity Eclipse, que recalou na dársena viguesa sobre as 08.00 horas procedente de Southampton.
Durante a súa estancia en Vigo, o buque, pertencente á naviera Celebrity Cruises, trouxo a bordo un total de 2.911 pasaxeiros de 36 nacionalidades distintas, na súa maioría británicos (2.219 pax.), seguidos moi de lonxe por estadounidenses (324 pax.) e canadenses (167 pax.), ademais de 1.211 tripulantes. Está previsto que sobre as 16.00 horas de hoxe continúe coa súa viaxe rumbo a Lisboa.
Con 315 metros de eslora e 37 de manga, o Celebrity Eclipse foi inaugurado en abril de 2010 e ten capacidade para albergar a un total de 2.850 pasaxeiros.
Pertence á Clase Solstice e destaca especialmente polos seus camarotes AquaClass, ao incorporar elementos de spa especiais nos camarotes, ademais de ofrecer acceso exclusivo aos servizos de spa e asentos asignados no restaurante Blu.
Así mesmo, o Celebrity Eclipse conta, como gran novidade en alta mar, con The Lawn Club, unha cuberta superior con vistas ao mar con 2.000m2 de céspede natural.
En canto á restauración a bordo, o buque de Celebrity Cruises dispón de dez restaurantes exclusivos para calquera ocasión, incluídos catro restaurantes de especialidades como Qsine (cociña internacional cun enfoque informal e moderno), Tuscan Grille (asador italiano), Murano (cociña europea contemporánea) e Blu (cociña sa).
A escala de hoxe ten lugar tan só catro días despois da súa visita inesperada ao Porto de Vigo o pasado venres, onde o buque pertencente á naviera Celebrity Cruises decidiu atracar para gorecerse de “Margit”, primeira cicloxénese explosiva do outono. Está previsto que regrese a Vigo o próximo 7 de novembro.











