Máis de 2.000 escolares e familias participan no programa Educa Saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Educación que dirixe Francisco Mourelo, informa de que máis de 2.000 escolares e familias participan na IV edición do programa de saúde municipal Educa Saúde. O pasado 13 de outubro comezou esta nova edición en cinco centros educativos coruñeses: CEIP Concepción Arenal, as Escolas Infantís Municipais de Os Rosales e Carmen Cervigón así como en dous centros concertados: Fogar de Santa Margarita e a Grande Obra de Atocha.

Participarán, ata o 18 de decembro, 2.044 escolares desde o seu primeiro ano de idade até os 12. O equipo multidisciplinar, integrado por 11 membros entre psicólogos, enfermeiras, pediatras, matronas e educadores sociais coordinados polo doutor Ángel Silvarrey, visitan cada centro 40 veces aproximadamente ao longo deste trimestre para atender a todos os cursos desde infantil até 6º de Primaria.

Como complemento ao programa, distribuíronse polas Escolas Infantís Municipais e os centros públicos da cidade, máis de 10.000 guías de hábitos saudables para todos os escolares e as familias que participen no programa. Estas guías, cun estilo didáctico, sinxelo e de fácil lectura pretenden ser unha continuidade para as familias ao aplicar na casa o que os seus fillos aprenden no centro.

Esta edición ten unha duración de 333 horas e os escolares participarán dunha forma moi activa e práctica cos profesionais do equipo médico en tres áreas fundamentais como son a médica (alimentación e actividade física, enfermidades, hixiene e prevención de accidentes); a psicoeducativa (habilidades sociais, vida e ambiente escolar e afectivo sexual), e a social (lecer e tempo libre, novas tecnoloxías e prevención de adiccións).

No programa tamén participan as familias en horario de tarde. Esta é unha característica do programa posto que, xunto aos profesores, son determinantes na transmisión e práctica de condutas saudables aos máis novos.

Desde a súa posta en marcha, no curso 2011/2012, pasaron 10.575 escolares das Escolas Infantís Municipais, centros de educación Infantil, Primaria e Especial, ademais de 3.195 familias, polo que, con esta cuarta edición, chegarase á totalidade de poboación escolar de centros públicos do Concello. O programa, que ten unha valoración media por parte dos centros de 8,23 sobre 10, desenvólvese coa Fundación María José Jove e os seus contidos e actividades están avalados pola Sociedade de Pediatría de Galicia.

21 de outubro de 2014 | 10:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.