Louzán reúnese coa presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a deputada Ana Isabel Vázquez coincidiron esta mañá en situar o apoio ó emprendemento como eixe fundamental para fortalecer o sistema produtivo da provincia e contribuír á recuperación da economía e o emprego.
Así o manifestaron na xuntanza mantida esta mañá no Pazo provincial coa presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE), Lucía Pedroso, que acudiu á Deputación a presentar a XIX edición do Premio Xove Empresario do Ano.
Louzán e Vázquez incidiron no compromiso da Deputación na loita contra o desemprego e na creación de condicións favorables ó emprendemento, tanto no que se refire á dotación de infraestruturas (os viveiros de Lalín e Barro-Meis) coma á formación (con diversos cursos co apoio do Incyde), entre outras actuacións.
Nesta firme aposta polo emprendemento inclúese tamén o apoio ó certame organizado por AJE, que, tal e como destacou Ana Isabel Vázquez, “supón un impulso e un recoñecemento ó esforzo dos mozos e mozas emprendedores”, co valor engadido de que os galardóns teñen unha “marcada compoñente de mellora da formación, de forma que lles permita ós propios gañadores obter claves para o éxito do seu negocio”.
Lucía Pedroso expúxolles ó presidente da Deputación e á deputada as bases do premio, que se convoca en dúas categorías: Xove Empresario do Ano 2014 e Xove Emprendedor do Ano 2014. O gañador do primeiro recibirá un iPad e 3.000 euros para formarse na Escola de Negocios de Afundación, mentres que o gañador do segundo poderá ter aloxamento de balde nun dos viveiros de empresas da Zona Franca de Vigo e recibirá 2.000 euros para formarse nesa escola de negocios.
Para optar a este galardón será preciso ter nacido despois do 30 de novembro de 1973, que a empresa teña domicilio social en Pontevedra, que un mínimo do 25% do capital social sexa de persoas físicas de menos de 41 anos e que non estea participada por empresas ou entidades públicas.
As candidaturas poderán presentarse ata o 17 de novembro.











