publicidade hoxe

Lousame é o único municipio da Coruña que participa no Programa Aurora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame é o único municipio da provincia da Coruña que participará no Programa Aurora, unha iniciativa do Instituto da Muller que pretende promover a inserción sociolaboral das mulleres do rural. O programa, que contará coa financiamento do Fondo Social Europeo e coa colaboración do Concello de Lousame, pretende mellorar a participación social e laboral das mulleres do rural, co obxectivo último de contribuír a un desenvolvemento sostible da zona, evitando a despoboación e posibilitando unha maior incorporación das mulleres á actividade económica.

No Programa Aurora 2014 participarán mulleres dun total de 38 concellos rurais de toda España, dos que sete son galegos: Lousame (A Coruña), Catoira (Pontevedra) e Maceda, Amoeiro, Castrelo de Miño, Pobra de Trives e A Veiga (Ourense). Concretamente, en Lousame poderán participar entre 20 e 30 veciñas, que poden conseguir máis información e anotarse nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494. A participación é totalmente de balde.

Metodoloxía do programa

O Programa Aurora desenvolverase en Lousame a través dun itinerario secuenciado en dúas fases, que teñen en conta tanto os aspectos persoais como profesionais das mulleres. “Todo co fin último de mellorar a súa empregabilidade, que é o eixo central deste programa xa que un traballo remunerado proporciona, ademais da autonomía económica, un maior recoñecemento social”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo.

Na primeira fase do programa traballaranse aspectos persoais tales como as necesidades e as demandas das mulleres, os seus coñecementos e as súas expectativas, entre outros. Despois, nunha segunda fase, traballarase a motivación laboral e a formación ocupacional “a medida”, adaptada aos ocos de mercado detectados na nosa contorna, co obxecto de vencellar os perfís profesionais cos postos de trabalo ofertados. Nesta fase serán de gran importancia as accións de intermediación laboral co tecido empresarial da contorna.

O Programa Aurora está deseñado de xeito que pode adaptarse ás características propias do concello de Lousame e, a partir do diagnóstico dos déficits existentes, atopar os ámbitos de actividade laboral non cubertos, traballar co grupo de veciñas e encaixar, na medida do posible, as súas capacidades e potencialidades cos escenarios laborais locais. “En esencia, trátase de promover a consolidación do tecido territorial mediante unha mellor e maior empregabilidade e proxección social das mulleres”, apunta Silvia Agrafojo.

O Programa Aurora 2014 está organizado polo Instituto da Muller, entidade dependente do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e conta coa colaboración do Concello de Lousame e coa financiamento do Fondo Social Europeo, a través do Programa Operativo “Loita contra a Discriminación” dos Marcos Comunitarios de Apoio para o período 2007-2013. Comezou a funciona no ano 2011, aínda que cada ano incrementa a súa progresión en canto a demanda entre municipios rurais de toda España de menos do 5.000 habitantes.

 

14 de outubro de 2014 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.