López-Chaves destaca a profesionalidade e o compromiso dos traballadores portuarios nas visitas dos cruceiros
O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, agradeceu esta mañá publicamente o traballo realizado polo persoal do Porto vigués que fixo posible, o pasado sábado, a escala do maior cruceiro do mundo, o Oasis of the Seas, en Vigo.
En declaracións aos medios, tras fotografarse con gran parte do equipo humano que conforma a Autoridade Portuaria de Vigo, López-Chaves destacou a “profesionalidade” dos traballadores portuarios implicados nesta operativa, entre os que citou tanto á Policía Portuaria, como aos Departamentos de Seguridade, Protección, Mantemento, Explotación e longo etcétera, “que traballaron da man para que ese día fose todo un éxito”.
“O Porto respondeu ante a chegada de máis de 11.000 persoas á cidade”, lembrou, en referencia aos turistas que chegaron a Vigo a bordo do Oasis of the Seas e o Celebrity Infinity o pasado sábado. “É un equipo profesional que traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, porque o Porto non pecha nunca, e ese día viuse a capacidade que temos grazas a todos estes traballadores”, subliñou.
Segundo indicou, “grazas a eles situámonos no ranking mundial no tráfico de cruceiros e somos líderes en tráfico de pesca para consumo humano”. Así mesmo, grazas ao seu traballo “somos un dos primeiros Portos da Península Ibérica en exportación e importación de colectores e o primeiro en exportación de vehículos”, asegurou. “E todo isto é grazas á actividade económica da nosa contorna pero, sobre todo, grazas a uns traballadores comprometidos coa cidade, ben formados e profesionais. Queremos que a xente lles poña cara”, manifestou.
Tripla escala hoxe
Por outra banda, o máximo responsable portuario referiuse á tripla escala de cruceiros que visitan hoxe os peiraos vigueses e que terán como protagonistas ao Adventure of the Seas e o MSC Opera en Transatlánticos, e o Thomson Spirit en Comercio. Entre os tres, deixarán en Vigo a máis de 8.500 persoas, entre pasaxe e tripulación (6.400 pasaxeiros e 2.300 tripulantes, aproximadamente).
Segundo destacou López-Chaves, outubro será “un bo mes” en canto a tráfico de cruceiros refírese, cun total de 15 escalas previstas coas que se superarán os datos do mes pasado en canto a número de pasaxeiros e tripulantes.
Así, destas 15 escalas, destacarán 8 delas por superarse a cifra de 3.000 pasaxeiros nunha única xornada. Serán as protagonizadas polo Oasis of the Seas, o Independence of the Seas, o Adventure of the Seas, e o Emerald Princess.
Balance de setembro
Respecto ao mes de setembro, o Presidente portuario lembrou que foi o máis importante do ano en canto a número de escalas, cun total de 19 -á que hai que sumar a protagonizada polo Oceana por emerxencia médica-, que deixaron en Vigo máis de 55.000 turistas a bordo de cruceiros, entre pasaxeiros (case 40.000) e tripulantes (superando os 15.500).
Entre os cruceiros que atracaron en setembro, López-Chaves destacou a escala o pasado sábado do Oasis of the Seas que, con 362 metros de eslora, é o maior cruceiro do mundo (xunto co seu xemelgo, o Allure of the Seas). Trátase da primeira escala das dúas que ten programadas en Vigo na súa primeira viaxe a Europa desde que foi construído. A segunda, lembrou, terá lugar o próximo 18 de outubro. O buque, pertencente á naviera Royal Caribbean, chegará a Vigo ás 08.00, onde permanecerá até as 20.00h. De novo, doce horas de escala, tras as que se despedirá de Europa para pór rumbo ao Caribe.
Grazas a estas cifras, “situámonos como un porto de referencia mundial en canto a tráfico de cruceristas e seguimos sendo líderes de todo o noroeste español”, concluíu.











