Lete Lasa destaca a progresión do rugby galego na presentación das competicións territoriais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación das competicións territoriais de rugby

Presentación das competicións territoriais de rugby

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, salientou hoxe a vitalidade do rugby galego, unha modalidade que segue a incorporar novos practicantes -pasando de 1.050 licencias en 2012 ás 1.260 da última tempada- e a mellorar e consolidarse no aspecto competitivo. A nivel nacional, ocupa o sétimo posto por comunidades autónomas tanto no relativo a número de licencias como de clubs, con 14 entidades.

O fortalecemento do rugby autonómico é, segundo Lete Lasa, “froito dun traballo serio e constante da Federación e dos clubs con todas as categorías, desde os primeiros equipos que cada ano se miden nas competicións estatais ata as categorías inferiores e o deporte escolar”, engadindo que os seus promotores “fan honra aos valores do rugby como deporte inclusivo, no que o adestramento, o esforzo e a motivación, e o compañeirismo son máis importantes que as virtudes físicas de partida”.

O secretario xeral para o Deporte fixo estas declaracións na presentación da nova tempada 2014-2015 das competicións territoriais, onde asegurou que os resultados deportivos, o bo nivel competitivo e o crecemento de licencias nas categorías base apuntan a un bo futuro para o rugby galego, apoiado en sólidos piares. Asegurou que a Secretaría Xeral para o Deporte debe e quere contribuír a ese futuro e, como mostra disto, lembrou que nesta tempada os xogadores máis novos pasarán a beneficiarse do seguro deportivo escolar gratuíto para deportistas entre 6 e 16 anos, que financia o seu departamento, unha medida que beneficiará a 205 rapaces e rapazas.

Así mesmo celebrou que “os clubs bandeira do noso rugby, o Blusens Universidade de Vigo e o CRAT UDC da Coruña, seguen a manterse un ano máis na División de Honra nacional masculina e feminina respectivamente”, e chamou a atención sobre o notable auxe do rugby feminino, que ademais de contar cun dos mellores equipos da competición nacional, a nivel autonómico celebrará por segundo ano consecutivo unha liga galega de sete equipos.

Lete Lasa resaltou tamén “o mérito que supón que cinco xogadoras galegas participaran na Copa do Mundo Feminino” celebrada en Francia o pasado mes de agosto e insistiu na importancia estratéxica que para o desenvolvemento deste deporte ten o bo comportamento da súa categoría feminina e dos equipos de base.

Torneo Internacional Historicup

O responsable de Deportes da Xunta felicitou á Federación Galega de Rugby e aos clubs participantes polo novo proxecto iniciado na pasada tempada coa comunidade de Euskadi e con Andorra, o torneo internacional Historicup, no que Galicia se mide fronte a equipos vascos e andorranos. “Unha mostra máis de que o rugby galego ten moitas páxinas por escribir e aspira chegar lonxe. Nesas aspiracións atopará sempre o apoio da Xunta de Galicia”, rematou Lete Lasa.

1 de outubro de 2014 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.