Kauman traslada á Xunta a súa aposta polo I+D e a internacionalización dos seus mercados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteareasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Kauman

Cores Tourís na visita a Kauman

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a nave da empresa Kauman en Ponteareas, onde puido comprobar os distintos proxectos de I+D cos que está a traballar esta firma e nos que xa investiu case 4 millóns de euros, dos cales 1,4 millóns foron aportados dende a Consellería de Economía e o Ministerio de Industria.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Salvador González Solla, o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo presidente da empresa, Juan José Rey Ferrán, e os directores da mesma, Diego Rodríguez e Olga Núñez.

Kauman é unha empresa líder en seguridade e innovación, especialistas en bandas transportadoras.

Conta, segundo explicou a Cores Tourís o presidente da firma, Juan José Rey Ferrán, con 75 anos de experiencia e coa creación dunha subsidiaria na República Oriental de Uruguay, baixo o nome de Citrans, a cal mantén as mesmas políticas institucionais. “Deste xeito, pasamos xa a ser un grupo empresarial internacional”, engadiu, matizando que, de feito, “nos últimos cinco anos estamos a ter un crecemento exponencial, cifrado nun 7%, cunha facturación no último ano de 16 millóns de euros”.

Nos últimos anos, como puido comprobar Cores Tourís, a firma pontareana puxo en marcha diversos proxectos de investigación e desenvolvemento nos que investiu un total de 4 millóns de euros, dos cales 1,4 millóns de euros foron aportados dende a administración autonómica e o Ministerio de Industria, “o que supón o 35% deste investimento”. Así, investigouse nun sistema de unión de pezas de caucho para bandas transportadoras de elevados requirimentos funcionais; nun sistema de control de defectos en bandas de caucho mediante visión artificial; na innovación en bandas mediante o uso de carcasa téxtil ou na investigación de novas fórmulas de mesturas de caucho.

Tamén se levaron a cabo investigacións no eido da aplicación de novos materiais e elementos sustentadores, na innovación de bandas transportadoras tubulares e no uso de aramida. Finalmente, outro proxecto foi o desenvolvemento dun sistema para control de roturas de banda.

Ademais, na actualidade, están a traballar dende Kauman en dous proxectos estrela: o desenvolvemento de barreiras para os quitamedos que melloren a seguridade viaria, especialmente, no caso das motocicletas, así como na execución dunha transportadora cilíndrica.

A firma con sede en Ponteareas conta con 50 traballadores, e con 23.000 metros cadrados en total de nave. O 80% da súa produción expórtase a máis de 50 países como Alemaña, México, Francia ou UK, aínda que tamén conta con presenza en Brasil, Chile e Perú. A empresa está a colaborar coas oficinas de mercados exteriores da Xunta de cara a incrementar a súa internacionalización e a entrada en novos países.

“Un dos nosos produtos estrelas é a banda homologada antichamas e a banda transportadora mediante o uso de aramida, feitas ambas con téxtil o que permite un importante aforro en enerxía coa mesma resistencia”, matizou Rey Ferrán, quen asegurou que a súa firma conta con 10 liñas de traballo coas que son capaces de fabricar 600.000 metros cadrados anuais de todo tipo de bandas transportadoras de caucho con carcasa téxtil ou metálica. “Na actualidade estamos a investigar permanentemente novas formas de reducir e reciclar residuos así como de mellorar a nosa eficiencia enerxética”, rematou o presidente de Kauman.

Entre os sectores onde traballa destacan especialmente a minería, no movemento de sólidos e graneis, na industria alimenticia, na química e farmacéutica así como na agrícola. No eido da minería cabe destacar que, Kauman leva moitos anos suministrando banda a todo tipo de explotacións mineiras, polo que se atopa presente en 55 países. “Hai que ter en conta que en toda instalación mineira o transporte por banda de mineral é fundamental, e sen él non podería realizarse proceso mineiro algún”, explicou Rey Ferrán.

Así, incrementou os seus servizos naqueles países onde a minería está a ir a máis coma Chile, Perú, Arxentina, Colombia ou México, aos que subministra material dende a súa planta de Uruguay. Pero tamén traballa con outros países con tradición mineira coma Canadá, Estados Unidos, Australia ou Sudáfrica. “O éxito mundial da nosa empresa non é outro que o traballo ben feito, apoiado nunha calidade máxima, nun desenvolvemento constante do produto e nunha xestión baseada na exportación e o coñecemento dos mercados”, rematou o presidente de Kauman, quen recordou que a pesar de ser un grupo internacional, non deixa de lado o seu entorno, “polo que dedicamos parte da nosa facturación ao patrocinio de festividades do municipio no que nos atopamos, Ponteareas, así como a varios dos seus clubes deportivos, como é o Club Ciclista Ponteareas, o mais importante de Galicia”.

22 de outubro de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.