Jorquera alerta de que a realidade actual dá noxo e pregunta a Feijóo se sente as angustias de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+

“A realidade actual dá noxo, pero non podemos fuxir dela por escrúpulos inútiles, pois para modelar un pobo de barro é forzoso manchar as mans”. Con esta cita de ‘Sempre en Galiza’, o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, reivindicou a política “entendida como compromiso” e ao servizo dun “proxecto de nación”.

   Ao fío diso, na súa primeira intervención no debate sobre política xeral, preguntou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se, tras ter “o atrevemento de incluirse entre os herdeiros deste testemuño político” de Castelao, é capaz de “fundirse co pobo” e de “sentir as súas angustias”.

   “Porque, despois de escoitalo esta mañá, me pasou o mesmo que cando vexo o telexornal (de TVG). Teño a sensación de que están a falar doutro país”, espetoulle ao presidente para criticar que situara a Galicia “mellor que hai un ano”.

   Así, o dirixente nacionalista evidenciou que en Galicia hai case 300.000 persoas en paro, 650.000 en risco de exclusión social, máis da metade dos mozos non teñen emprego despois de que 100.000 emigraran, un de cada dous galegos “non chega a mileurista” e as mulleres cobran un 23 por cento menos que os homes.

   “Señor Feijóo, igual que en 1935, cando Castelao escribiu aquelas palabras, a realidade actual dá noxo”, sentenciou o voceiro do Bloque na Cámara galega, para quen ao “desastre económico e social” se unen en Galicia “a corrupción, a degradación da democracia e a anulación do autogoberno”.

SEN “PROXECTO DE PAÍS”

   Dende o convencemento de que todos estes aspectos gardan relación co “centralismo”, o que sinalou é que Feijóo “está ao servizo dese proceso” e, polo tanto, “non está ao lado dos que sofren”. “Vostede está ao servizo da nosa anulación como país”, recriminoulle.

   Esa liña argumental reforzouna Jorquera coa súa “política lingüicida” e a súa falta de “proxecto de país”. “Con vostede dáse un paradoxo: preside un goberno autonómico, pero non cre no autogoberno”, abundou, convencido de que o mandatario “está ao servizo da anulación como país” de Galicia.

   Como proba, achegou que, dende a chegada de Feijóo a Monte Pío, o Executivo estatal transferiu 64 competencias ás comunidades. “¿Sabe cantas a Galicia? Cero”, resaltou, e criticou tamén o seu apoio á reforma fiscal “inxusta” do Goberno e ao aprazamento do debate sobre o sistema de financiamento autonómico.

   Neste punto, defendeu que Galicia “necesita decidir sobre si mesma”, á vista, por exemplo, de que o Goberno “ten previsto destinar 4.600 millóns de euros, a metade do presuposto da Xunta, a rescatar as autoestradas madrileñas”.

CRÍTICAS A CATALUÑA

   A liña seguida, o deputado do BNG lamentou que a Xunta de Feijóo, en lugar de denunciar que Galicia perdeu máis de 6.500 millóns de euros — segundo os seus cálculos — co sistema de financiamento autonómico vixente, dedíquese a “criticar a posición catalá”.

   “A vostede énchelle a boca criticando as balanzas fiscais catalás, pero aplaude as balanzas fiscais que inventou Montoro e que son un insulto á intelixencia”, sostivo, pois eses datos aseveran que “a principal vítima do centralismo sería Madrid”. “O mundo ao revés”, engadiu.

   Nese debate, recolleu Jorquera unhas palabras do presidente na Cámara nas que propoñía “facer as balanzas fiscais dende os anos 60”. “¡ Fagámolas!”, animou, e pediu tamén constituír unha comisión de estudio sobre o sistema de financiamento ao que se opuxo o PP alegando que “non daba tempo” antes da revisión do sistema.

   “Xa non teñen ese pretexto, constituamos esa comisión”, reclamou, partidario de que nese órgano parlamentario se estude “como os recursos de Galicia foron drenados en beneficio doutros territorios” e “o espolio do aforro dos galegos”.

   Tamén utilizou o parlamentario da formación frentista a situación de Cataluña para lamentar que mentres esta comunidade e o País Vasco lograrán “amplos espazos de libre elección” na “segunda transición” que se está a fraguar, Galicia, coa “submisión” de Feijóo, pode “perder o último tren”. “O problema é que vostede lle nega o seu ser a Galicia”, lamentou.

SITUACIÓN ECONÓMICA

   Recuperando a súa afirmación de que Feijóo “non ten proxecto de país”, exemplificou esta cuestión con Navantia. “Só busca un pretexto para renunciar á construción naval civil”, opinou, convencido de que “por iso defende o turismo industrial como grande solución de futuro” para Ferrol”.

   Así mesmo, fixo fincapé en que “Galicia necesita o dereito a decidir”, pois o presidente da Xunta dixo que se decatou pola prensa de que Navantia desviaba oito bloques do flotel a Cádiz. En todo caso, reprobou que o Goberno galego “non desenvolve” a lei do sector naval que lle habilita para “estar presente nos órganos reitores” da empresa naval pública.

   Sen saír do ámbito industrial, lamentou que non se intentara “unha tarifa eléctrica galega”, similar á que o País Vasco logrou para as súas industrias; e o “fracaso” nas renovables e na loita contra a pobreza enerxética. En paralelo, no que atinxe aos sectores primarios, detallou que “a pesca está no despece e o campo, camiño do deserto”.

   En canto á innovación, cuestionou os anuncios do presidente cando en Galicia se recortou a inversión neste campo ata o 0,87 por cento do PIB, moi lonxe do 1,3 por cento do Estado español e do 2,8 de Alemaña. “Vostedes buscan a competitividade da economía en degradar as condicións de traballo, pero así non se compite”, censurou.

“SENSIBILIDADE SOCIAL”

   En materia social, Francisco Jorquera pediu “claridade” a Feijóo para aclarar se “os centros do Opus” que recibiron concertos malia segregar por sexo os seus alumnos “van devolver o diñeiro que cobraron ilegalmente”.

   Sobre todo porque, mentres isto aconteceu, o presuposto para a educación pública se reduciu un 30 por cento dende 2009 e as asociacións da sanidade pública advirten de que o sistema non ten asegurados “fondos abondos” para o seu financiamento.

   A raíz deste tema, aproveitou para expresar a súa “solidariedade” coa auxiliar galega contaxiada de ébola e reclamou a ministra de Sanidade, Ana Mato, pola situación provocada.

CORRUPCIÓN

   Por último, o nacionalista recolleu as propostas de Feijóo para loitar contra a corrupción para replicar que “o que necesita a sociedade son feitos e non declaracións de intencións”.

   Tras recordar que “hai temas do seu pasado que aínda non foron aclarados”, pediu “acabar coa política de portas xiratorias”, poñer fin á privatización dos servizos públicos e “fomentar a participación” da sociedade a través de consultas e iniciativas populares.

   Ademais, advertiu de que “para rexenerar a democracia, non se pode cambiar a lei electoral” sen consenso”. “Pídolle que recule”, lle solicitou sobre o recorte de deputados.

7 de outubro de 2014 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.