Incautadas un centenar de caixas con produtos supostamente ilegais na redada da Pedra de Vigo
Axentes do Corpo Nacional de Policía incautáronse de polo menos un centenar de caixas e bolsas con produtos supostamente ilegais no marco de ‘Operación Cuarzo’, pola que este mércores se realizou unha redada no ámbito do mercado da Pedra, en Vigo.
Ao redor de 100 axentes da Policía Nacional e efectivos de Vixilancia Aduaneira participaron no dispositivo contra a venda de produtos falsificados e tabaco de contrabando, polo que foron detidas once persoas por posibles delitos contra a propiedade intelectual, branqueo de capitais, contrabando e fraude fiscal, e foron rexistrados varios locais, vivendas e baixos da zona, algúns dos cales foron precintados.
Así mesmo, estanse a realizar rexistros en almacéns do Norte de Portugal, de xeito coordinado, por parte da Autoridade de Segurança Alimentar e Económica (ASAE) de Portugal. Os devanditos almacéns serían utilizados para gardar e distribuír o xénero ilegal.
Segundo informaron fontes xudiciais, a investigación, que comezou o pasado ano, está dirixida polo xulgado de instrución número tres de Vigo en colaboración coa Fiscalía da cidade, e permitiu identificar os circuítos de comercialización dos produtos supostamente ilegais –principalmente pezas de vestir e complementos falsificados– e do tabaco de contrabando, así como investigar o destino das ganancias obtidas con esas vendas.
DESPREGAMENTO POLICIAL
O despregamento policial, polo que se desprazaron numerosos furgóns e vehículos, deu comezou a primeira hora deste mércores no Casco Vello de Vigo nas inmediacións do mercado da Pedra, onde foron rexistrados varios locais, algúns dos cales foron abertos forzando portas e persianas ao atoparse pechado.
Ante a expectación dos veciños e de numerosos turistas procedentes do trasatlántico ‘Independece of the seas’, os axentes rexistraron locais comerciais e outros baixos, e incautáronse de numeroso material, que trasladaron a varios vehículos e furgóns en decenas de caixas.
Pola súa parte, a responsable da asociación de comerciantes e hostaleiros Vigo Vello, Itos Domínguez, que criticou a “esaxeración” e a mala imaxe que, ao seu xuízo, dá o despregamento policial ao barrio, relacionou este operativo ás informacións publicadas nas últimas semanas, segundo as cales, un informe do goberno americano sitúa A Pedra como un ‘punto negro’ a nivel internacional de venda de mercadoría falsificada.











