Impártese na Cañiza o último curso deste ano do Plan Actívate
O Alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, inaugurou o pasado luns, 20 de outubro, un novo curso sobre “aplicación de técnicas de seguridade e primeiros auxilios” de 40 horas de duración impartido pola Deputación de Pontevedra a través do programa Actívate.
En total asistirán 25 veciño<sent\>s da Cañiza, quen recibirán ademais da formación específica, un diploma acreditativo sempre que cumpran coas horas mínimas de asistencia. O curso impartirase na Casa de Cultura da Cañiza os luns e mércores de 16h00 a 20h00.
O obxectivo principal deste programa é desenvolver actividades formativas de lecer e tempo libre que sexan de interese e que respondan as demandas dos mozos da provincia, potenciando movementos de participación e cooperación social, mellorando a súa formación básica, e promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias.
As solicitudes para poder participar estiveron dispoñibles no Concello da Cañiza até o 8 de setembro. En total presentáronse 68 solicitudes e debido a esta demanda o Concello xa solicitou ante a Deputación de Pontevedra a concesión dun segundo curso por se fallase a asistencia noutros Concellos.
Nos últimos catro anos celebráronse un total de 8 cursos nos que participaron 140 persoas de idades comprendidas entre os 16 e 35 anos, preferentemente desempregados.
A selección dos cursos realizouse en función das demandas dos participantes quen se decantaron polos cursos de técnicas de aseo e hixiene a persoas dependentes, cursos de coidados básicos a persoas maiores, cursos de primeiros auxilios e formación básica para actividades e tempo libre.