Impártese en Verín un obradoiro sobre a ‘Diabetes e Alimentación’
A aula de docencia número 3 do Hospital de Verín acollerá na xornada do 29 de outubro, de 16.30 a 20.30 horas, o obradoiro ‘Diabetes e Alimentación’, promovido desde os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Verín e enmarcado na Escola Galega de Saúde para Cidadáns.
Os obxectivos do mesmo, cun total de 30 prazas, son mellorar a información e comprensión da enfermidade por parte dos pacientes, familiares e cidadáns en xeral; proporcionar aos coidadores, familiares e pacientes as habilidades e coñecementos necesarios para mellorar a calidade de vida no ámbito familiar.
O programa do obradoiro, que será impartido por María Begoña García Cepeda, aséntase nos seguintes contidos: concepto de alimentación e nutrición, obxectivos da alimentación, recomendacións nutricionais, valor enerxético dos principios inmediatos, pirámide da alimentación, grupo de alimentos, identificar grupos de alimentos ricos en hidratos de carbono-proteínas-graxas (de orixe animal e vexetal), equivalencias ou intercambios dos mesmos, distribución dos hidratos de carbono segundo tratamento farmacolóxico, alimentación equilibrada e ferramentas para conseguila, consellos ante celebracións e viaxes, días de enfermidade, o manexo práctico de pesos e volumes en cru e cocido dos alimentos, o manexo práctico de equivalencias, familiarizarse coas características dos alimentos dietéticos e etiquetado.
O obradoiro gratuíto ‘Diabetes e Alimentación’ está destinado a pacientes, familiares e cidadanía en xeral. Para participar no mesmo, os/as interesados poden inscribirse na web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns ou nos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Verín (Casa da Xuventude. Avenida de Portugal 11 bis ou no teléfono 988-414776).











