Hernández sostén que Currás lle trasladou a súa vontade de atopar unha situación fóra do concello
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, sostivo este xoves que o seu antecesor no cargo, Ángel Currás, lle trasladou a súa “vontade” de “atopar unha situación fóra do Concello” cando lle cedeu o bastón de mando da capital galega.
“O señor Currás trasladoume a súa vontade, dende o primeiro día, de facer un traspaso das cuestións da alcaldía e, despois, atopar unha situación fóra do concello. Cando iso aconteza, loxicamente trasladarame esa cuestión. Mentres, é un concelleiro máis”, remarcou, ao ser preguntado en rolda de prensa sobre se falara co exrexedor do seu futuro.
E é que, o pasado luns, Hernández desvelou ante os xornalistas que Currás lle trasladou que tiña a “posibilidade” de asumir a delegación de Tragsa en Galicia. Non obstante, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, deu a entender o mércores na Cámara que iso non acontecería. “Non coñezo nin creo que se produza ningún nomeamento nesa empresa pública”, apuntou.
Neste escenario, o alcalde compostelano asegurou este xoves que “non” hai “ningunha novidade con respecto a ese tema” e que “non” falou con Currás nin con Feijóo do asunto nos últimos días.
Non obstante, negou que teña “un problema de comunicación” con el. “Eu despacho cos concelleiros, con todos, con total normalidade”, remarcou, e explicou que eses encontros se deciden “en función das circunstancias da cidade e dos expedientes” a tratar. “Cando teña que falar co señor Currás, como fago habitualmente con todos os concelleiros, falarei con el”, resolveu.
“NON ESTÁ EN STAND BY”
Cuestionado entón se Currás seguirá en ‘stand by’ no seu cargo, Hernández mantivo que “o equipo de Goberno” de Santiago “non está en stand by”, senón “traballando pola cidade” dende que el asumiu a alcaldía o pasado 8 de xullo.
“A situación do concello é de total normalidade”, resaltou, antes de insistir en que Currás está “integrado nun grupo que funciona de forma compacta” como concelleiro. “Cando exista algunha modificación a respecto da súa situación, en primeiro lugar, notificarao ao seu alcalde e despois, actuaremos en consecuencia”, resolveu, para reiterar que, mentres iso non se produza, a Casa do concello “seguirá funcionando con normalidade”.
E, ante as críticas do BNG a que Currás ocupe unha dedicación exclusiva, o primeiro edil de Santiago volveu dicir que se trata dun “concelleiro máis” e que segue “nas mesmas circunstancias e situación” que dende o pasado 8 de xullo. “Con competencias definidas e traballando no grupo de Gobierno, finalizou.











