Hernández recibe ao decano e ao delegado en Santiago do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia

Agustín Hernández durante a reunión
O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, recibiu no seu despacho ao decano do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Oriol Sarmiento, e ao delegado do Colexio en Santiago de Compostela, Fernando Blanco Silva. Unha visita realizada co obxectivo de presentar oficialmente ao novo decano, elixido o pasado mes de xullo, e ofrecer a colaboración do Colexio ao Concello de Santiago en todas aquelas áreas técnicas para as que están capacitados os enxeñeiros industriais.
Neste sentido, Oriol Sarmiento explicou a Agustín Hernández que a formación xeneralista do enxeñeiro industrial permítelle cubrir áreas moi variadas: enerxía, mecánica, construción, fabricación, electricidade, electrónica, transporte e loxística, materiais, acústica, comunicacións, homologación e propiedade industrial, medio ambiente, organización da produción, certificación enerxética, xestión empresarial…
Así mesmo, o decano do Colexio defendeu a conveniencia do visado voluntario de realización de actividades fronte á figura da declaración responsable que adoitan utilizar as administracións. “Ademais de evitar problemas de intrusismo, a figura do visado voluntario descarga a responsabilidade no técnico que visa, non sobre o empresario”, explica Oriol Sarmiento.
Agradecementos e colaboración
Pola súa banda, o delegado en Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais, Fernando Blanco Silva, agradeceu a colaboración do Concello de Santiago co Colexio ao ceder o edificio Cersia para a celebración de xornadas técnicas e clases maxistrais. “Ademais, aproveitamos para convidarlle a inaugurar algún dos encontros formativos que estamos a preparar para o próximo ano 2015”, adianta Fernando Blanco.











