Hernández lembra que está en marcha a auditoría sobre a rede eléctrica de Santiago e insta a respectar os prazos
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, lembrou este martes que o concello e a Xunta teñen en marcha unha auditoría sobre o estado da rede eléctrica da cidade, que ten “os seus prazos”, e reiterou a colaboración do consistorio co xulgado que investiga a morte dunha menor electrocutada no barrio de Guadalupe.
Cando se cumpre un mes do falecemento da nova e por mor dun comunicado do IES de Brión no que reclamaban coñecer detalles da investigación, Hernández lembrou que o caso está a ser investigado xudicialmente e que o concello está “a disposición” do xulgado e da Policía.
Así mesmo, lembrou que está en marcha desde o día 22 de setembro a auditoría sobre o estado da rede eléctrica da cidade, que debe analizar “máis de 25.000 puntos de luz”.
Preguntado en varias ocasións sobre se a rede de Santiago é segura, como cuestionou o IES de Brión, o rexedor limitouse a repetir que a auditoría está en marcha e que a rede “cumpre a normativa”.











