Gabriel Tizón imparte unha clase maxistral de fotografía social en Ourense
As clases maxistrais de fotografía social impartidas por Gabriel Tizón e promovidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nos seus concellos socios chegan a Ourense. A Universidade Laboral acolle mañá mércores esta actividade gratuíta a partir das 10 horas, en colaboración coa administración local. A proposta encádrase na segunda edición do concurso Imaxes con Fondo, coa idea de promover a participación e mais a reflexión sobre os contidos das imaxes e o mundo que constrúen.
Baixo o título ‘Compromiso coa mirada’, as sesións parten da análise de traballos realizados en diferentes países e na nosa contorna, para avaliar logo como, cando e ata onde se pode chegar coa cámara na vida das persoas. Alén de nocións básicas sobre composición, tratarase de educar a mirada para destacar o motivo da fotografía e o seu obxectivo, amais de propoñer novos soportes expositivos. Terase en conta a visibilización de diferentes realidades e onde comeza o compromiso da autora ou autor con elas.
Gabriel Tizón ten experiencia en catro continentes e a súa obra foi recoñecida con diversos galardóns. Formou parte do xurado da primeira edición de Imaxes con Fondo e na actualidade traballa para El País e distintas axencias de noticias. As súas clases maxistrais desenvólvense en nove concellos socios do Fondo Galego, con público adulto e con estudantes de Bacharelato. A asociación municipalista promove ademais sete obradoiros de fotografía social para alumnado de Secundaria, neste caso a cargo de Rober Amado, gañador de Imaxes con Fondo en 2012 e do premio Tiflos da ONCE.
Nestes obradoiros, que se realizarán principalmente en centros educativos, adéstrase o ollo fotográfico das rapazas e rapaces e amplíase o seu coñecemento tanto da arte da fotografía como da súa faceta documental. Proporciónanselles ademais as ferramentas técnicas e narrativas para que creen o seu propio proxecto fotográfico, contando unha historia a través das imaxes. Senllas actividades intégrase no Plan de Sensibilización 2014 do Fondo Galego, que conta co apoio da Xunta de Galicia.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.











