publicidade hoxe

Frades e de Mesía organizan un curso de monitor de actividades de tempo libre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesMesía
A-
A+

Os Concellos de Frades e de Mesía organizan conxuntamente un curso de monitor de actividades de tempo libre, que terá unha duración de 350 horas lectivas e que capacitará aos seus alumnos e alumnas a traballar en proxectos de tempo libre, con nenos e maiores, en campamentos, obradoiros, festas infantís, ocio para maiores, comedores escolares… Os únicos requisitos para participar son ser maior de 18 anos e posuír o Graduado en Educación Secundaria, Graduado Escolar ou equivalente.

O curso consta dunha fase teórico-práctica de 200 horas lectivas, que se complementarán cunha fase práctica de 150 horas nunha entidade de tempo libre. Durante esas 350 horas, os alumnos aprenderán a deseñar, programar, pór en práctica e avaliar actividades socioculturais e para o tempo libre para a infancia, a xuventude, as persoas maiores e persoas con necesidades especiais.

A cota de inscrición é de 260 euros. Para anotarse é preciso dirixirse ao Servizos Sociais Municipais do Concello de Frades ou chamar ao teléfono 981 695 567, encher unha folla de inscrición e presentar fotocopia do DNI, foto tamaño carné, fotocopia do título de secundaria e resgardo do abono bancario do importe da matrícula (ou do primeiro pago). O número de prazas é de 25 alumnos/as e o curso comezará tan pronto como se xunte un número mínimo de participantes.

Fútbol base

Así mesmo, o Concello de Frades colabora coa Federación Galega de Fútbol na organización dun curso de monitor de fútbol base, que terá lugar do 12 de novembro ao 24 de xaneiro na cidade deportiva de Vista Alegre (Ordes). Un curso aberto a 35 alumnos/as da comarca de Ordes co obxectivo de proporcionarlles coñecementos e técnicas que lles permitan adestrar a equipos federados ata categoría cadete. De feito, os participantes conseguirán o diploma federativo de “Monitor de fútbol base”, que lles permite a validación do bloque de prácticas do curso de Nivel 1 de adestrador (necesario a partir de 2015 para adestrar outras categorías).

O curso está dirixido a maiores de 16 anos e terá unha duración de 60 horas, todos os martes e xoves en horario de 20:00 a 23:00 horas (e tres sábados de 9:00 a 14:00 horas). O seu custe será de 150 euros. Máis información e anotacións no Concello de Frades ou no teléfono 981 695 567.

28 de outubro de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.