FEGADACE dedica aos dereitos das persoas con discapacidade o III Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

En agosto de 2007 o Consello de Ministros resolveu declarar o 26 de outubro ‘Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido’. Desde ese ano, as asociacións de persoas con dano cerebral aproveitan a data para visibilizar esta discapacidade e para reclamar os seus dereitos. Para conmemorar esta data, a Federación Galega de Dano Cerebral celebra o seu III Foro de Familias, dedicado e centrado en analizar ‘Os dereitos das persoas con discapacidade no contexto actual’.

O III Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral celébrase o sábado, 25 de outubro, na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Inclúe unha longa e intensa xornada de debate, traballo, convivencia e aprendizaxe cun programa extenso que comeza ás 10:00 cun acto institucional de apertura no que estarán presentes a Secretaria Xeral de Política Social, Coro Piñeiro, e o asesor do Valedor do Pobo especializado en discapacidade, Fernando de Andrés.

Ás 10:30 FEGADACE terá a honra de presentar ao presidente do Comité Estatal de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), Luis Cayo Pérez Bueno. O CERMI é o máis grande e importante conglomerado de asociacións de persoas con discapacidade; e FEGADACE fai parte do mesmo a través do CERMI Galicia. A formación en dereito de Luis Cayo Pérez, xunto co profundo coñecemento da realidade da discapacidade que lle proporciona o posto directivo que desenvolve, fan que sexa a persoa máis axeitada para falar sobre ‘Os dereitos das persoas con discapacidade no contexto actual’.

Trala conferencia, a media mañá, o público asistente ao Foro de Familias vaise repartir en catro Grupos de Traballo nos se se tratará de tirar conclusións útiles para todo o movemento asociativo do dano cerebral sobre os seguintes temas: Testamento vital, Manexo de condutas difíciles, Primeiros auxilios e Banco de tempo. O resultado do traballo presentarase ao conxunto do público nunha sesión de tarde.

Na sesión de tarde o protagonismo pasa aos membros das asociacións. Persoas con dano cerebral adquirido e familiares van contar nunha mesa redonda as súas experiencias en materia de dereitos, aportando as súas diferentes visións ás seguintes problemáticas: educación e independencia, barreiras arquitectónicas e inclusión laboral.

E xusto antes da clausura do Foro de Familias vai ter lugar o momento máis emotivo da xornada, cando a Federación Galega de Dano Cerebral entregue o II Premio FEGADACE a Miguel Blanco, director da Unidade de Ictus do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Este galardón serve para recoñecer o traballo de todos os axentes externos ás asociacións que, dunha ou doutra maneira, fai posíbel que continúe o traballo de defensa das persoas con dano cerebral adquirido. Miguel Blanco vai recibir o II Premio FEGADACE das mans de Clara de Sáa, condutora do programa da Radio Galega Convivir en Igualdade e galardonada o ano pasado.

A asistencia ao foro é aberta ao público, agás na parte de Grupos de Traballo, que están limitados a familiares de persoas con dano cerebral. Esta información acompáñase do programa completo e do cartel que anuncia o III Foro de Familias.

22 de outubro de 2014 | 20:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.